O Concello organiza o concurso Sabores de Ourense – Pinchos de Primavera

Desde o 23 de maio até o 2 de xuño ofrecerán pinchos con ingredientes libres, a prezos de entre 2,50 e 3,50 €.

O Concello de Ourense organiza unha nova edición do concurso Sabores de Ourense – Pinchos de Primavera, que se desenvolverá desde o día 23 de maio até o 2 de xuño na cidade. Participan nesta edición un total de 41 establecementos repartidos por toda a cidade, que ofrecerán pinchos con tema e ingredientes libres, a un prezo de entre 2,50 e 3,50 euros. Catorce dos establecementos participarán na categoría de Pincho Celíaco e serán asesorados pola Asociación de Celíacos de Galicia. Aínda que a Zona Histórica segue a ser a parte da cidade na que se sitúan a maioría dos participantes, O Couto emerxe como alternativa con 4 locais no concurso.

A final profesional do concurso celebrarase o día 10 de xuño pola tarde no Centro Comercial Ponte Vella, nun acto aberto ao público xeral. Un xurado de aproximación que visitará todos os locais durante o concurso escollerá os 8 pinchos finalistas. Estes cociñaranse durante a final ante un xurado profesional, formado por persoas recoñecidas e especialistas do sector da hostalaría ou gastronomía, que os degustará e concederá os seus premios.

Os premios do concurso serán un ano máis os seguintes:

1º, 2º e 3º premio do Xurado Profesional
1 accésit do Xurado Profesional ao pincho máis creativo
1 premio do Público
1 premio Pincho Celíaco

O público decidirá o seu premio cubrindo as papeletas de votación con 3 selos de 3 establecementos distintos co nome do seu pincho favorito, de xeito que o gañador será o que reciba máis votos. Cada papeleta válida entrará nun sorteo no que optará a multitude de agasallos, máis que na pasada edición. Entre os premios que se repartirán entre os votantes haberá estancias en Paradores ou nos balnearios de Caldaria, paletas ibéricas, lotes de queixos, viños, ceas para dúas persoas, tratamentos de beleza etc.

Máis información na web do concurso.