montealegre

Parque Botánico de Montealegre

Aberto todos os días (pechado 25 decembro, 1 e 6 xaneiro) De 1 novembro ao 31 marzo: de 10h a 18h De 1 abril a 30 abril, e de 1 ao 30 outubro: de 10h a 20h De 1 maio ao 30 setembro: de 10h a 21h

988 388 135

Montealegre é o gran parque forestal de Ourense, e conta co bosque mediterráneo situado máis ao noroeste de toda Europa.

Montealegre é o bonito nome que recibe o gran parque forestal de Ourense, un monte sempre bañado polo sol que pecha á cidade polo leste e que se asoma ao val vendo sucar e unirse os tres ríos. Xunto aos outeiros de fume que se erguen cara ao ceo nos Magostos, quizais a súa imaxe máis característica sexa a dos seus piñeiros mansos: trátase do bosque mediterráneo situado máis ao noroeste de toda Europa.

A pesar das múltiples agresións que sufriu ao longo da súa historia, Montealegre goza hoxe do feito de ser un dos referentes ambientais da cidade. Desde 2011 unha gran parte da súa superficie (máis de 15 hectáreas) configurouse como un parque forestal e botánico que preserva a biodiversidade: máis de 240 especies florais e unhas 132 de fauna. Ao mesmo tempo, abriuse un espazo didáctico e de investigación que reconcilia a cidade co seu monte e profunda no coñecemento e a protección do medio.

O Botánico de Montealegre conta cun centro de recepción e investigación e un auditorio ao aire libre, espectacularmente escavado na roca, sendo bo exemplo dos traballos realizados para a recuperación e posta en valor das canteiras e minas de auga (algúns dos elementos patrimoniais que conserva o parque).

Talvez o mellor nexo de unión do parque coa cidade sexa o seu miradoiro, xunto á cruz de Montealegre, desde onde podemos divisar todo o val e a evolución urbana nunha das panorámicas máis belas da cidade. Xunto ao miradoiro, un banco estratexicamente colocado e que acabou por recibir o título do «máis bonito de Ourense».

O Botánico é un lugar de coñecemento e experimentación da natureza. Ademais dos seus hortos infantís, programa ao longo de todo o ano visitas, obradoiros e outras actividades didácticas ás que merece a pena botar unha ollada.