MAGOSTO
O Magosto de Ourense, Festa declarada de Interese Turístico de Galicia
O Magosto é unha celebración de orixe pagá que honraba a chegada das colleitas do outono. Unha tradición que en Ourense arraigou profundamente, converténdose nunha das celebracións máis senlleiras da cidade, até o punto de que en 2008 foi declarada Festa de Interese Turístico de Galicia.
Durante o mes de novembro, en especial o día 11 (día de San Martiño, patrón da cidade), os montes próximos énchense de fogueiras ao redor das que reunirse con familia e amigos para festexar un Magosto. Calquera escusa é boa para saír ao campo, prender un lume e gozar dos produtos de tempada: chourizos, viño novo, licores e sobre todo castañas.
A castaña é a auténtica protagonista do Magosto, posto que non poden faltar asadas entre as brasas das súas fogueiras. Durante séculos este froito foi un dos alimentos básicos da dieta galega. En Ourense conserva un posto destacado grazas aos numerosos soutos (bosques de castiñeiros) que existen na provincia. Boa mostra da súa importancia é a existencia dunha potente industria transformadora que comercializa produtos derivados da castaña por todo o mundo. Mención especial merecen o marrón glacé e a torta de San Martiño, que farán as delicias dos máis larpeiros.
Fogueiras, castañas e chourizos asados son os elementos básicos do Magosto, unha das festas máis senlleiras de Ourense.
A gastronomía é sen dúbida un dos alicerces fundamentais do Magosto, pero esta festa tamén garda un carácter de superstición e misticismo. Non hai que esquecer que nas súas orixes celebrábase a chegada da época máis fría e escura do ano (en contraposición á festa dos Maios). Talvez por iso sexa un dos momentos máis oportunos para realizar unha queimada co seu singular conxuro.
Existen moitos ritos ao redor desta festa. Quizais o máis arraigado ten lugar á noitiña, cando as borralla das fogueiras empeza a arrefriar. Aquí a tradición manda tomar as cinzas nas mans e tinguir de negro as caras dos demais asistentes, para espantar así a mala sorte.
Aínda que o tradicional é ir aos montes próximos para celebrar o Magosto, son moitas as asociacións e entidades culturais que organizan magostos na cidade. Seguramente o máis multitudinario é o que ofrece o propio Concello, no que non faltan música e as castañas asadas.
TAMÉN POR ESTAS DATAS…
O outono trae outras actividades e eventos coma o Samaín, en ocasións alcumado como o Halloween galego. Tradición cristiá e pagá converxen na última noite de outubro, converténdoa nun auténtico espectáculo en torno ao mundo dos defuntos.
Outra das citas obrigadas do outono é a carreira popular de San Martiño, unha das máis multitudinarias de Galicia. Corredores e afeccionados adoitan aproveitar este evento deportivo para reunirse ao redor dun bo cocido nalgún dos restaurantes da cidade. Sen dúbida, o outono é unha excelente época para gozar da gastronomía local e deleitarse con pratos de tempada coma os cogomelos, castañas, viños, polbo ou as excelentes carnes da zona, en especial de porco, xa que nesta época empezan as matanzas.
Precisamente nestas datas ten lugar una das feiras máis importantes da cidade, o Salón Internacional de Turismo Gastronómico Xantar, a única feira internacional deste tipo acreditada da Península, que reúne tanto a profesionais da restauración como aos amantes da mellor gastronomía.
Por suposto, o outono tamén é unha excelente época para gozar do patrimonio, da oferta termal de Ourense (aberta todo o ano) ou mesmo da ateigada axenda cultural da cidade.
Festa declarada de interese turístico que dá a benvida á primavera.
Prepárate para vivir o Entroido de Ourense; só é preciso traer moitas ganas de pasalo ben.