Ponte Vella
Foi o primeiro paso sobre o Miño e todo un fito de enxeñería na Antigüedade. De orixe romana aínda moitas veces reconstruída, a silueta dos seus arcos centrais é un dos símbolos de Ourense.
Esta ponte de orixe romana é un dos fitos históricos da cidade, ligada ás súas orixes. Cando se construíu foi un paso estratéxico, o único en moitos quilómetros para salvar o río Miño. Reconstruída no século XIII (de aí os seus arcos apuntados, rechamantes pola súa altura) e consolidada no século XVII, foi declarada monumento histórico-artístico no ano 1961, xunto coa próxima Capela dos Remedios. É paso obrigado no Camiño Mozárabe – Vía da Prata a Santiago de Compostela.
Segundo a tradición, data da época de Traxano. No entanto, as súas características construtivas achégano ao tempo de Augusto. Da primeira ponte romana só se conservan, como mudos testemuños do pasado, algúns perpiaños almofados das bases. Se o van central tivese a mesma luz que a actual sería sen dúbida un dos máis amplos do imperio e explicaría as constantes ruínas do mesmo. Segundo o itinerario de Antonino, documento onde se recompilan as rutas do Imperio Romano, formaría parte dunha calzada secundaria da vía XVIII que unía as cidades de Bracara Augusta (actual Braga), capital do convento bracarense, e Asturica Augusta (Astorga).
A súa importancia é tal que aparece representada no escudo da cidade, aínda que con torre. Esta existiu e foi derruída en 1839, xunto con outra xemelga da época carlista.
A primeira reconstrución da que temos constancia (1228-1229) foi patrocinada polo bispo Don Lourenzo co apoio do rei Fernando III. É entón cando se lle dá o perfil actual co arco apuntado e as ramplas en ascenso, aínda que a mala cimentación volverá provocar a súa ruína. A solución definitiva para a súa consolidación faise esperar até o século XVII, obra de Melchor de Velasco. Tivo tamén unha torre (que aparece no escudo da cidade) que foi derruída no século XIX. Unida á antiga ponte, coa que forma monumento histórico-artístico, atópase a ermida dos Remedios (s. XVI).
Na actualidade a ponte conserva 7 arcos dos 11 primitivos. No primeiro da beira esquerda aínda se pode apreciar a construción romana (e indicaría a altura da ponte). Mide 370 metros de longo, con arco central de 43 metros de ancho por 38 de alto sobre o nivel medio das augas. Está construída en pedra granítica da comarca. Á súa entrada pola marxe sur ou esquerdo pódese ver unha caseta coñecida como Casa do Legoeiro.
Durante moitos séculos foi coñecida simplemente como a Ponte de Ourense ou Ponte Maior, por contraposición a outras pontes menores. Hoxe conviven as denominacións de Ponte Vella e Ponte Romana.
Os pasos do río
Até a construción no século XX da Ponte Nova, Ourense non contaba máis que con esta obra para cruzar o Miño. Dispuña, no entanto, dun paso en época de estiaxe (xusto onde hoxe se levanta a Pasarela do Vao), e un paso de barcas, que se denominaba «Porto Auriense».
Antigamente nos arredores da cidade, foi lugar de paso de viaxeiros, mercadores e peregrinos, e tamén lugar frecuentado por maleantes. A próxima capela dos Remedios levantada no século XVI por causa dunha manda testamentaria, axudou a rehabilitar a zona.