Ponte do Milenio

Símbolo do Ourense contemporáneo, foi construída en 2001 e con ela Ourense entrou no novo milenio. Sorprenden a súa silueta e a súa pasarela peonil, que se eleva até 22 metros sobre o río.

En 1998 péchase definitivamente a Ponte Vella á circulación rodada. Ao ano seguinte o Concello coloca a primeira pedra desta ponte, que se inauguraría o 1 de setembro de 2001 tras 28 meses de traballo. A súa inauguración non supuxo só un considerable alivio ao tráfico da cidade, senón que se converteu de inmediato nun símbolo do Ourense contemporáneo, a cidade en movemento que se asoma ao novo milenio.

Obra de estética marcadamente vangardista, o seu deseño leva a sinatura do arquitecto Álvaro Varela, e a súa execución a do enxeñeiro Juan M. Calvo. Destaca pola súa singular forma elíptica, en especial pola curiosa pasarela peonil que chega a elevarse 22 metros, dando lugar a extraordinarios miradoiros sobre o Miño e que lle outorga un carácter exclusivo, acrecentado pola súa espectacular luminosidade nocturna.

A espectacular pasarela peonil que ascende ao ceo e baixa ao río se distribúe en cen chanzos, todo un desafío para os seus camiñantes que se recompensa con impoñentes vistas.

A súa característica máis relevante é a súa lonxitude (275 m.), xunto cos sistemas de tirantes pareados de aceiro e o van central de 36 metros. Realizado en formigón e aceiro, consta de catro carrís, dous en cada sentido, ademais das beiravías reservadas a peóns. A ponte descende lixeiramente na parte sur, á vez que vira cara ao leste.

Como curiosidade, anotar que a súa construción formou nas augas do Miño ponte abaixo unha curiosa onda, a Onda do Milenio, que desde entón se aproveitou para os deportes naúticos.