iglesia-de-as-caldas

Igrexa das Caldas

Igrexa neogótica no barrio da Ponte. No seu interior, un retablo honra a figura do seu patrón, Santiago Apóstolo.

Igrexa situada no barrio da Ponte, na beira norte do río Miño. De claro estilo neogótico, no seu exterior, con atrio, destacan os esveltos arcobotantes, que contrarrestan a altura e o escaso grosor dos seus muros. O seu deseño é obra do arquitecto José M.ª Basterra e data do ano 1925.

O interior, de tres naves, cunha central e dous laterais sen cruceiro, conta cun fermoso retablo dourado labrado en madeira, obra do escultor Magariños. O retablo está presidido polo apóstolo Santiago, patrón do barrio e cuxa festa se celebra o 25 de xullo.

O barrio da Ponte non sempre pertenceu a Ourense senón que foi, até os anos setenta, o concello de Canedo. Ten as súas orixes no asentamento romano das Caldas, en referencia aos mananciais termais desta beira do río, e xa a comezos da Idade Media constitúese como parroquia. A súa historia está unida á do ferrocarril, que chega en 1881. En 1885 constrúese a primeira estación de tren, e ao seu redor edificios e almacéns, configurándose as primeiras rúas. En 1952 inaugúrase a actual estación Ourense-Empalme e con ela o barrio experimenta un forte desenvolvemento e unha reordenación urbana.