Instituto Otero Pedrayo

Rúa Padre Feijóo, 12, 32005

988 220 247

ies.otero.pedraio.ourense@edu.xunta.es

centros.edu.xunta.es/iesoteropedrayo.ourense/

Primeiro centro de ensino laico da cidade; destacan tanto as liñas clásicas da súa austera fachada como a fastuosa ornamentación modernista do seu paraninfo ou pequeno teatro.

O primeiro centro de ensino laico da cidade de Ourense, aínda hoxe en activo, abriu as súas portas no ano 1896. En 1929 tivo que ser reconstruído logo dun terrible incendio no que só se salvou unha parte do antigo mobiliario, así como os azulexos e o zócalo mozárabe da sala de profesores.

A fachada é ecléctica e clasicista e o seu interior está organizado en base a dous grandes patios rectangulares. Destaca nel a escaleira central, de tipo imperial e con balaustrada en pedra, e o seu paraninfo, un salón de fastuosa ornamentación e belo exemplo do Modernismo ourensán.

Polas súas aulas pasaron gran parte de figuras da cultura galega, entre eles o que dá nome ao centro, o escritor Otero Pedrayo.

O centro acolle de forma permanente unha exposición de material pedagóxico-histórico e unha biblioteca con interesantes volumes.

A historia da súa construción ocupa case un cuarto de século: a Deputación Provincial encargou a obra ao arquitecto municipal Juan Redecilla e a primeira pedra do edificio colocouse en 1869. Interrompidas as obras por problemas económicos en 1881, renóvanse en 1885, encargando un novo proxecto a Antonio Crespo López. Unha parte do belo mobiliario que deseñou para o seu interior conseguiu salvarse do incendio de 1927.

Detrás do peche de ferro e granito da portada, un pórtico adiantado con arcos de medio punto entre pilastras lisas e un entablamento con metopas e triglifos. No piso superior repítese a disposición de tres portas en arco dando estas a un balcón con balaustrada de pedra. Enriba un frontón triangular co escudo de Ourense. E no remate, un reloxo. O resto da fachada é de gran austeridade: de dous corpos separados por imposta, con xanelas e portas balconadas no lado norte.

O amplo solar permitiu unha estrutura interior moderna cunha organización ao redor de dous patios rectangulares e simétricos, un ao norte e outro ao sur.

No interior destacan a ampla escaleira situada ao Oeste, de tipo imperial, con balaustrada de pedra, sinxela e monumental, e o salón de actos na parte central ao que se accede por tres portas con arcadas, e que constitúe un dos  exemplos de modernismo na cidade.

Na fachada figura o nome de «Centro Provincial de Instrución», debido a que comezou albergando o  Instituto de 2º Ensino, a Escola de Artes e Oficios, a Escola Normal de Mestres e a Biblioteca Pública, gravemente afectada polo incendio do 29. Nela gardábanse gran parte dos documentos procedentes dos mosteiros tras a Desamortización, moitos perdidos, o que motivou que en anos posteriores se procurase outro lugar para albergar os fondos e que o edificio pasase a ser plenamente centro de educación.