Antiguo Palacio Episcopal

Museo Arqueolóxico – Antigo Pazo do Bispo

Rúa de Santa María, 1, 32005

mapour@xunta.es

museos.xunta.gal/es/arqueoloxico-ourense

Monumento Histórico-Artístico, é o exemplo máis completo de arquitectura civil románica da cidade.

O Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense ocupa o edificio que foi Pazo Episcopal. É o conxunto monumental civil de estilo románico máis completo dos que se conservan en Ourense, e foi declarado Monumento Histórico-Artístico en 1931. A súa estrutura é un fiel testemuño do desenvolvemento da cidade, con elementos romanos, góticos, renacentistas, barrocos e modernos. A súa construción comezou no século XII, e tivo un protagonismo relevante na organización urbana medieval.

O museo atópase actualmente pechado por reformas. Con todo, poden visitarse parte dos seus fondos na Escolma de Escultura en San Francisco.

O solar xa estaba ocupado en tempo dos romanos, como amosan os restos construtivos descubertos, e, posteriormente, por unha necrópole alto-medieval.

O edificio actual construíuse no século XII, e a súa fachada principal é agora, tras as múltiples reformas da contorna, patio románico. Cos séculos sufriu modificacións e ampliacións que alteraron o seu aspecto xeral. Así engadíronse elementos góticos (torre de Santa María), renacentistas (galerías do xardín), barrocos (como a portada principal) e modernos (soportais da rúa Bispo Carrascosa).

O Museo Arqueolóxico, fundado en 1895, asentou definitivamente neste edificio en 1951, sendo obxecto dunha reforma, segundo proxecto de Pons Sorolla, en 1960-68.