Arte Románica na Catedral de Ourense

A Catedral Basílica de San Martiño pode describirse como un templo románico de transición: a súa construción esténdese a través dos séculos de forma ás veces azarosa, especialmente se temos en conta que, aínda que o proxecto inicial houbo de ser de gran envergadura, a situación económica -non sempre benévola- fixo que moitas partes tivesen que ser adaptadas, se atrasasen ou mesmo non chegasen nunca a completarse.

Como inicio das obras pode tomarse como referencia a data de consagración do altar maior, o ano 1188. A construción do núcleo básico tomaría uns 80 anos (bastante rápido de comparala con outras catedrais da contorna), aínda que algunhas partes foron resoltas só temporalmente: o tramo final, por exemplo, foi recuberto con madeira. Como remate, construíronse o pórtico e dúas torres (hoxe fachada oeste, con saída á Praza de San Martiño), aínda que unha delas xamais chegou a completarse. Esta solución é clásica no Románico e pretendía, ademais, dotar de estabilidade ao conxunto e salvar o amplo desnivel de terreo.

En paralelo á construción do templo, o Bispado preocuparase de consolidar o lugar con reliquias; non só do patrón, San Martiño, senón tamén de santos locais como Santa Eufemia. Así, quedaba clara a pretensión de converter a Catedral de Ourense nun templo de peregrinacións.

Os conflitos do século XV, como as revoltas irmandiñas ou o ataque do conde de Benavente, así como engadidos posteriores (capela do Santo Cristo, deambulatorio…), fixeron desaparecer ou ocultan gran parte da obra románica. Porén, o templo conserva aínda numerosos elementos que nos permiten coñecer con detalle a arquitectura e escultura desa época: fachadas, pórtico, museo…

Compartir

  • 1 Arte e patrimonio
Fachada Setentrional
  • 2 Arte e patrimonio
Ábsida
  • 3 Arte e patrimonio
Fachada Meridional
  • 4 Arte e patrimonio
Interiores
  • 5 Arte e patrimonio
Cristo dos Desamparados
  • 6 Arte e patrimonio
Pórtico do Paraíso
  • 7 Arte e patrimonio
Tesouros da Catedral

Aquí apréciase o paramento orixinal da Catedral: o muro cos seus contrafortes e xanelas de medio punto. A portada norte tivo que ser reconstruída tras os ataques do Conde de Benavente en 1471, aínda que é posible que continuase o esquema orixinal, debedor da portada occidental de Santiago.

Seguir lendo

Algúns elementos da portada orixinal foron reaproveitados: as bases das columnas no lado leste, as estatuas columnas, o anxo encaixado no fuste, os chapiteis interiores e a arquivolta interior polilobulada, con diversas figuras de influencia mateana. Tamén as torres manteñen a fábrica románica, sobre todo a do leste.

No contrafuerte da torre Oeste e no muro anexo atopamos dúas representacións que puideron formar parte dun antigo zodíaco da portada. Un terceiro exemplar consérvase no Museo Catedralicio.

Aínda que moi modificado con reformas posteriores (ciborio, deambulatorio, capela do Santo Cristo, torre do reloxo…), aínda pode apreciarse parte da súa decoración románica, coma os arquiños da ábsida apeados en canzorros con decoración xeométrica. O rosetón forma unha cruz de brazos iguais terminados en círculos. Nun extremo apréciase a figura dun león cun año entre as súas gadoupas.

Seguir lendo

Cara ao norte mantense unha variada decoración tanto nos canzorros como nas métopas de tipo vexetal, xeométrico ou figurado. Todo isto acubillado por arquiños e na cornixa, decoración de bólas.

No lado sur, as sucesivas reformas fixeron desaparecer os arquitos. Así, atopamos canzorros que non sosteñen nada, pero conservan gran parte da súa decoración.

A portada sur chegou até a nosa época practicamente sen modificar. Desenvólvese cun gran arco apoiado en columnas lisas e bases áticas, con chapiteis vexetais e figurados.

Seguir lendo

O arco maior contén unha decoración de arquiños de ferradura. A seguinte arquivolta, con decoración vexetal, culmina cun Cristo incompleto. Continúa outra arquivolta con follas entre as que sobresaen figuras con cartelas e, na rosca interna, a loita de David co león e o oso e a disputa de Salomón e a raíña de Saba, coa presenza de Marcolfo. O corpo alto decórase con arquiños e decoradas métopas e sobre el un rosetón.

Polo que respecta ao paramento lateral, as construcións posteriores non nos deixan ver os elementos románicos orixinais, aínda que pode observarse como, do mesmo xeito que na fachada norte, o tramo inicial dispón dun beirado con arquiños que logo continúa en simple cornixa.

A Catedral tivo na súa orixe cinco capelas (algo frecuente na época) dispostas en planta de cruz latina, a cal se conserva. O brazo maior divídese en tres naves de oito tramos, con alicerces cruciformes típicos do Románico e xanelas con arco de medio punto apoiadas nun par de columnas. A solución do abovedamento é gótica.

Seguir lendo

Permanece completa a capela maior e os tramos rectos doutras dúas que hoxe son o arranque do deambulatorio. A capela central, dedicada a San Martiño, é a que mellor conserva a súa traza, a pesar de que gran parte está tapada por retablos. Baixo o arco triunfal, un anxo de ás despregadas sostén un disco solar de influencia mateana.

Nos extremos do cruceiro ábrense senllas portas, aínda que a norte foi bastante modificada no século XVI. No cruceiro ábrense outras dúas portas pequenas que conducen ás cubertas. A sur coñecíase como “porta do tesouro”, pois levaba a unha cámara onde se custodiaban escrituras e obxectos de valor. A norte, pola súa banda, serve como subida ás cubertas. Ascendendo pola escaleira de caracol, a modo de escaleira celeste, disponse unha serie de relevos: o lintel da porta representa a Daniel na foxa dos leóns; continúa unha serie de óculos, algúns figurados, e remata cunha figura que dirixe a súa ollada á capela maior.

Outra das xoias que conserva a catedral é o coñecido como Cristo dos Desamparados, unha das poucas tallas románicas de Cristo que se conservan en Galicia.

Seguir lendo

Trátase dunha rara representación de Cristo crucificado, datada en torno ao ano 1200 e cunha importancia artística excepcional. Está composta por un Cristo de gran porte, con coroa rexia e catro cravos: presenta unha postura ríxida que só rompen a breve inclinación de cabeza e extremidades.

Houbo de ter un lugar preferente na catedral ata que a fama do Santo Cristo rematou por relegalo. Actualmente está situado nun lateral da barroca capela da Asunción, en concreto onde están os enterramentos dos Argiz, promotores da mesma.

Xoia da catedral, este conxunto bebe dunha das obras cumes do Románico, o Pórtico da Gloria de Santiago de Compostela, do Mestre Mateo. Desta toma a temática e a resolución escultórica, e aínda que non chega a acadar o seu nivel artístico, goza dunha enorme calidade plástica. A pesar das modificacións, o conxunto conserva aínda todo o esplendor do seu estilo.

Seguir lendo

Do modelo inicial consérvanse as columnas de fuste liso; os chapiteis (con motivos vexetais, zoomórficos ou humanos) e as columnas cos profetas e apóstolos. O arco central termina coa arquivolta dos 24 anciáns da Apocalipse. Os seus instrumentos son os da época: organistrum, laúde, violas, harpa, frautas…

Respecto dos arcos laterais, o arco do Evanxeo (norte) só ten unha representación vexetal, mentres que o arco da Epístola (sur) remite ao padrón mateano: Cristo e arcanxo; á súa sinistra, os condenados; á súa destra, os que se salvan.

O resto do discurso compostelán ou non se conserva ou nunca o houbo, dado que bóveda, tímpano, parteluz e basamentos figurados foron modificados no XVI. A policromía actual é posiblemente do XVIII.

Interesante exposición de diversas obras de arte pertencentes non só á Catedral senón a toda a diocese de Ourense. A colección, tal e como a vemos hoxe, xorde no século XX e sitúase no claustro, nunca rematado, do século XIV: a Claustra Nova.

Seguir lendo

A propia sala presenta curiosas mostras arquitectónicas, destacando a decoración da porta de entrada, anterior ao proxecto do claustro: arquivoltas con decoración vexetal, os chapiteis (algúns figurados) e, no tímpano, un Agnus Dei de mármore. Foi deseñada polo mesmo autor das outras portadas.

Esta colección de tesouros inclúe varias varias pezas románicas de gran interese. (Ver artigo).