Tesouros da Catedral

Interiores da Catedral. Acceso polo Patín norte (rúa Juan de Austria), 32005

www.catedralourense.com/

Unha colección que custodia xoias como o Misal Auriense, o libro máis antigo impreso en Galicia.

O Museo Catedralicio de Ourense ocupa a a Claustra Nova, o inconcluso claustro gótico da basílica proxectado entre finais do século XIII e comezos do XIV, do que só se completou unha esquina. Este espazo foi recuperado para acoller, desde 1954, a actual colección de tesouros, con obras procedentes da Catedral e os procesos de Desamortización, experimentando unha renovación recente.

Singular tanto polo seu contido como polo seu emprazamento (só a contemplación dos poucos chapiteis realizados xa merece unha visita), garda pezas únicas como o Misal Auriense, un incunable de 1494 considerado o primeiro libro impreso en Galicia.

Accédese ao museo a través dunha porta en estilo románico, de clara influencia mateana. Conta con dobre arquivolta de medio punto e decoración vexetal, chapiteis (algúns figurados) e un tímpano representando o Agnus Dei (1200). Foi deseñada polo mesmo autor das outras portadas.

A estancia está formada sobre altos basamentos, columnas encostadas e nichos cubertos con doseis góticos, arcos apuntados e bóvedas cuadripartitas.

Singular tanto polo seu contido como polo seu emprazamento, garda pezas únicas como o Misal Auriense, un incunable de 1494 considerado o primeiro libro impreso en Galicia.

Entre os seus tesouros garda pezas de excepcional calidade, como o chamado «Tesouro de San Rosendo» ou de Celanova, sen dúbida o máis prezado da colección. Trátase dun conxunto de pezas de diversas épocas (s. X-XIII) procedentes do Mosteiro de Celanova, tradicionalmente vencellandas ao seu fundador, San Rosendo. Reúne obras propia da arte románica, como peites litúrxicos, un báculo de marfil, unha mitra de liño e seda, unha ara portátil e un cáliz de prata. Ademais, inclúe oito figuras dun xadrez Fatimí (arte do Exipto medieval) elaboradas en cristal de rocha e nas que, como curiosidade, os cabalos foron substituidos por elefantes.

Singular é tamén o Misal Auriense (Monterrei, 1494), un incunable coa honra de ser o libro impreso en Galicia máis antigo que se conserva.

Imprescindible o tesouro de San Rosendo, que inclúe unha colección de pezas de xadrez en cristal de rocha, unha auténtica xoia da arte exipcio medieval.

De gran calidade son as pezas exemplo da ourivaría relixiosa colonial, como o candelabro de prata de estilo Barroco (1690), a Cruz Procesional (1515, agasallo do conde de Benavente) ou a Cruz de Acibeche (orixinaria de obradoiros leoneses, con data de 1497), entre outros. Dado que Ourense non ten costa, non deixa de ser curioso ademais atopar aquí, entre cálices e pinturas relixiosas, varios exvotos de barcos.

Arte Románica no Museo

Ademais das xa mencionadas, a colección exhibe outras pezas de gran interese que comparten estilo románico.

Tenante e columnas do antigo altar principal da Catedral: bloque de granito decorado que pertence ao primeiro altar da catedral románica; vencállase á súa consagración no ano 1188. Na súa parte superior posúe un oco que albergaría as reliquias de San Martño de Tours.

Centauro-saxitario: século XII. Escultura que formaría parte dun zodíaco que seguramente ocuparía un lugar privilexiado na fachada norte da catedral. Reconstruída no século XV, esta fachada conserva outros dous elementos deste zodíaco descontextualizados.

Virxe de Reza: século XII. Talla en madeira que representa á Virxe sedente sobre un trono. Orixinaria da parroquia de Reza, de onde se traía en rogativa á catedral para pedir a choiva. A pesar das mutilacións sufridas, é de gran calidade e aínda conserva a súa policromía.

Virxe sedente de Seixalbo: século XIII. Escultura labrada en granito, representa á Virxe coroada e co neno Xesús no seu colo. Este leva un libro mentres bendí coa outra man.

Frontal de altar de Limoges: século XIII. Unha das xoias deste Tesouro. Trátase dun conxunto de placas esmaltadas de cobre con figuras en relevo da arte lemosina. Discútese sobre se formaba parte dun frontal de altar ou dun retablo. Entre as 53 placas conservadas aparece a figura de Cristo, símbolos de evanxelistas, a Virxe e santos (entre eles San Martiño, a cuxos pés está a figura oferente do bispo D. Alfonso que encargou a obra).

Esmaltes lemosinos: século XIII. Xunto co devandito frontal de altar, atopáronse outros esmaltes de Limoges en forma de arquetas relicario e unha placa coa figura de Cristo crucificado.

Podes consultar a programación actual deste e doutros centros expositivos da cidade de Ourense na nosa Axenda do mes.