Ourense a través das súas mulleres

Coñece algún dos recunchos da cidade vencellados a mulleres destacadas.

Son moitos os recunchos de Ourense nos que podemos atopar as pegadas das súas mulleres destacadas, xa fosen ourensás ilustres, figuras universais ou mesmo protagonistas humildes, case anónimas, pero non por iso menos significativas.
A continuación presentamos dez mulleres cuxo legado plasmouse en monumentos e lugares da cidade:

Compartir

1
Calpurnia Abana
2
Obdulia Díaz
3
Pobre Asunción
4
Olga Gallego
5
Santa Eufemia
6
María Andrea
7
A Leiteira
8
Concepción Arenal
9
Angelita Varela
10
A Gaiteira Real

Calpurnia Abana

Obdulia Díaz

Pobre Asunción

Olga Gallego

Santa Eufemia

María Andrea

A Leiteira

Concepción Arenal

Angelita Varela

A Gaiteira Real

Pechar
Calpurnia Abana
title_grouping

Un dos restos antigos máis emblemáticos de Ourense é unha ara votiva dedicada ás ninfas das Burgas. Foi mandada construír por Calpurnia Abana Aeboso, muller galaica do século II que se desprazou á cidade tras unha revelación en soños por parte das ninfas deste manancial.
Descuberta nunhas escavacións arqueolóxicas en 1802, esta ara converteuse así no primeiro testemuño escrito dunha persoa que visita a cidade de Ourense para gozar das bondades das súas augas termais.
Xunto á piscina termal das Burgas atópase un relevo en bronce sobre granito esculpido por Acisclo Manzano que representa unha alegoría das ninfas e celebra a esta figura.

Pechar
Obdulia Díaz
title_grouping

Na praza de Saco e Arce, moi preto da Igrexa da Trindade, atópase unha escultura que homenaxea a Obdulia Díaz, unha muller humilde que realizou un gran labor humanitario no Ourense da ditadura.
Tras quedar viuva e con tres fillos, dedicouse a lavar sabas nas fontes das Burgas, e co que obtiña axudou a criar os nenos desfavorecidos da zona antiga da cidade. Durante décadas, Obdulia e a súa filla Lola acolleron na súa casa de maneira desinteresada a ducias de rapaces, maioritariamente fillos de prostitutas, aos que aseaban e daban para comer.
En 2011 inaugurouse esta estatua dunha lavandeira de formas abstractas, obra de Manuel Penín, titulada Torre do Baño, que lle rende tributo.

Pechar
Pobre Asunción
title_grouping

O cemiterio de San Francisco, declarado como Ben de Interese Cultural, acolle numerosos restos de mulleres artistas e intelectuais da cidade, por exemplo as irmás e poetas Doura e Pura Vázquez.
Moi preto da entrada atópase unha humilde lápida na que se pode ler “Pobre Asunción!! Venres St do 91”. Lembra a tráxica morte de Asunción González Vázquez, unha moza costureira asasinada pola súa exparella a finais do século XIX, que na actualidade se converteu nun símbolo contra a violencia machista.
Na fachada principal da Casa Consistorial sitúase unha placa coa que o Concello de Ourense rendeu homenaxe a esta muller en 2019.

Pechar
Olga Gallego
title_grouping

Talvez o polo cultural en torno ao claustro de San Francisco (onde se atopan o Arquivo Histórico Provincial, a Biblioteca Pública Nós e a Escolma de Escultura do Museo Arqueolóxico) sexa o mellor lugar para reflectir o legado de Olga Gallego.
Esta ilustre historiadora destacou polo seu labor na arquivística e biblioteconomía, áreas nas que foi pioneira. Ademais, entre outras funcións, foi directora do Arquivo Histórico e do Museo Arqueolóxico Provincial, participou en diversas entidades culturais e realizou numerosas publicacións sobre o patrimonio histórico e artístico.

Pechar
Santa Eufemia
title_grouping

Santa Eufemia é unha das figuras relixiosas máis importantes de Ourense.
Vencellada a varias lendas, a súa orixe remóntase á época romana: tras evanxelizar a provincia, morrería martirizada en tempos do emperador Adriano. Será na Idade Media cando empeza a gozar de gran popularidade na cidade, construíndose dúas igrexas dedicadas a ela: Santa Eufemia do Centro (que conta cunha estatua desta mártir na súa fachada, obra de Xosé Cid), e Santa Eufemia do Norte.
Tamén ocupa un lugar destacado na Catedral, onde se custodian as súas reliquias. Algunhas das pezas máis valiosas da sala de exposicións deste templo son obxectos relacionados con esta santa, como unha fermosa arqueta.

Pechar
María Andrea
title_grouping

Na céntrica praza de Eirociño dos Cabaleiros atópase unha construción señorial de dous andares do século XVI ou principios do XVII cun balcón de madeira e arcos carpanel, que popularmente se coñece como Casa de María Andrea.
Este nome fai alusión a María Andrea Rodríguez, unha criada que recibiu en herdanza esta vivenda como agradecemento do deán da Catedral polo valor e a afouteza que mostrou liderando aos cidadáns contra a invasión dos franceses na Guerra da Independencia de 1809.

Pechar
A Leiteira
title_grouping

Na contorna da comercial rúa do Paseo atópanse varias esculturas que homenaxean a oficios tradicionais desenvolvidos por mulleres.
A Leiteira, obra de Ramón Conde, no cruce con Alejandro Outeiriño, é un tributo ás mulleres que viñan cada día do campo á cidade, a pé ou en burro, para vender leite na rúa ou a domicilio. Foi un colectivo reivindicativo, como demostran as súas protestas de 1918 e 1922, que se mantivo en activo até a chegada do leite embotellado nos anos 60.
Non moi lonxe dela, fronte ao Parque de San Lázaro, está A Castañeira, esculpida por Xosé Cid en 2001. Tamén no Paseo atopamos a escultura Maternidade, de Acisclo Manzano, inspirada nunha esmoleira que pasou anos pedindo nese recuncho da rúa.

Pechar
Concepción Arenal
title_grouping

A ferrolá Concepción Arenal foi unha escritora, intelectual e penalista, pioneira do feminismo español. Ao longo da súa vida e obra denunciou a situación dos cárceres, a miseria da mendicidade e a condición da muller no século XIX.
Arenal conta cunha estatua elaborada polo escultor Aniceto Marinas en 1898, que foi promovida por iniciativa de dous avogados desde un xornal local e sufragada por colecta popular grazas ao apoio da cidadanía de Ourense.
O agarimo da poboación a esta escultura era tal que, cando en 1969 se decidiu recolocala desde os xardíns da Alameda até o seu emprazamento actual (naquela época, lonxe do centro da cidade), o rexeitamento xeralizado a esta idea obrigou a un traslado nocturno e sen previo aviso.

Pechar
Angelita Varela
title_grouping

En 1925 Ángela Santamarina Alducín, máis coñecida como Angelita Varela, creou unha obra benéfica para acoller e educar de maneira gratuíta a nenas orfas de obreiros, mandando construír o colexio Santo Anxo.
A silueta desta escola domina a rúa Ervedelo. Trátase dunha construción de estilo ecléctico deseñada polo arquitecto Daniel Vázquez Gulías: unha capela e o antigo colexio rodeados por unha muralla con ameas e torreóns, conxugando elementos do historicismo medievalista gótico francés con detalles neoplaterescos e neoárabes. Aínda que non admite visitas turísticas, o conxunto adoita acoller actividades culturais.
Como recoñecemento ás súas iniciativas filantrópicas, Varela foi nomeada presidenta de honra da Cruz Vermella Española e condecorada coa Gran Cruz de Beneficencia.

Pechar
A Gaiteira Real
title_grouping

Unha enorme gaiteira dá a benvida aos visitantes que entran á cidade polo acceso centro da autovía. Trátase dun mural de 22 metros de alto titulado A Gaiteira Real, creado polo grafiteiro local Mon Devane en 2023.
A modelo deste mural é Estela Rodríguez, unha nova gaiteira (tiña 16 anos cando pousou) da Real Banda de Gaitas de Ourense, que ademais estuda e toca o clarinete no conservatorio. Vai vestida co traxe de gala da Real e sostén unha gaita de fol con talla do busto de Alfonso X O Sabio.