Eironciño dos Cabaleiros
Recollida praza no que foi barrio nobre do Ourense medieval. Destaca a Casa de María Andrea, co seu balcón do século XVI.
A recollida Praza do Cid, máis coñecida como Eironciño dos Cabaleiros, viría ser -como o seu nome indica- parte do barrio aristocrático de Ourense, aínda que deste apenas quedan vestixios. Hoxe, coas súas animadas terrazas, é unha das esquinas privilexiadas da zona gastronómica dos Viños.
Destaca aquí a coñecida como Casa de María Andrea, co seu balcón de madeira do século XVI. O que foi Pazo dos Armada é coñecido polo nome da serventa do cóengo Guntín, quen lla cedeu en herdanza polo seu comportamento ante os franceses tras a súa invasión a inicios do século XIX. Ao longo da súa historia, foi local de sociedades obreiras, escola e sede de xornais.
O edificio de dous andares e baixo dispón dun pórtico de acceso así como dunha balconada corrida en madeira. A casa lateral, sobre a portada, loce o escudo nobiliario do fundador. As xanelas decóranse con arcos abatidos que lembran o antigo señorío dos seus propietarios.
Na esquina oposta atópase o local outrora bautizado «O Volter», lugar de encontro da intelectualidade galega entre nos anos 50, 60 e 70 do pasado século. Ao redor desta taberna formouse o grupo coñecido como Os Artistiñas, formado por nomes como Virxilio, Xaime Quesada, Jose Luís de Dios González, Acisclo Manzano, Manuel García de Buciños, Prego de Oliver, Vidal Soto e Alexandro, entre outros: unha vibrante xeración de pintores e escultores que decoraron as paredes do local coas súas obras. Aínda que xa desaparecido, o seu letreiro consérvase no local O Queixo, na mesma praza.
No centro destaca tamén un cruceiro moderno, de 1975, que representa a Cristo e a Virxe co neno en brazos. Foi patrocinado polo Concello, como mostra a presenza do escudo e do patrón da cidade, San Martiño, no seu pedestal.
Escenario de novelas, escuela de artistas, refuxo de intelectuais…
Ourense ocupa un papel destacado na cultura de Galicia, sempre inspirando e mimando aos espíritus creativos.