Igrexa de San Mamede
Estrada de Palmés, 62, 32981
A igrexa parroquial de Palmés, do século XIII, estivo na súa orixe vencellada ao desaparecido mosteiro de Santa Comba de Naves.
As primeiras referencias da igrexa de San Mamede, no núcleo de Palmés, vencéllana ao veciño mosteiro benedictino de Santa Comba de Naves, hoxe en ruínas. A súa orixe pódese datar a principios do século XIII.
No século XIX acométese unha profunda remodelación da igrexa que fixo desaparecer en gran medida as solucións románicas. Algúns elementos foron reutilizados, desprazándoos do seu lugar orixinal. Así, consérvanse vestixios nas fachadas sur e norte, con canzorros de factura xeométrica e algún vexetal ou figurado. Tamén se observan anacos de decoración de xadrez na cornixa.
Seguimos as pegadas deste estilo puramente medieval na cidade, nun paseo que comeza na Catedral de San Martiño e continúa explorando o aínda descoñecido rural ourensán.