Ruta do Románico en Ourense
Seguimos as pegadas deste estilo puramente medieval na cidade, nun paseo que comeza na Catedral de San Martiño e continúa explorando o aínda descoñecido rural ourensán.
A provincia de Ourense atesoura unha das maiores coleccións de arte románica da Península. Tamén é un dos trazos de identidade da capital, cun interesante patrimonio que comeza cos seus dous grandes monumentos, a Catedral Basílica de San Martiño e o antigo Pazo Episcopal, para despois expandirse en pequenas igrexas do seu perímetro rural.
Nesta ruta buscamos pór en valor este singular legado, seguindo a pegada románica non só nas obras máis monumentais (Catedral e Pazo), senón tamén en templos máis humildes e outras manifestacións artísticas. Algunhas destas pezas, a pesar de ser menos coñecidas, tamén constitúen verdadeiras xoias románicas: a igrexa de Santa Baia de Cudeiro, a talla do Cristo dos Desamparados ou o coñecido como Tesouro de San Rosendo.
Arte Románica: unha aproximación histórica
Durante os séculos XI ao XIII, a mellora das condicións económicas e o aumento da influencia da Igrexa favorecen que en Europa occidental se creen novos templos e se expandan as ordes relixiosas, dando lugar a novos mosteiros e ás primeiras grandes catedrais. Neste contexto xorde un gran estilo artístico cunha linguaxe específica, que se estende por toda Europa e que pode ser considerado como o primeiro estilo artístico europeo: o Románico.
A través do Camiño de Santiago, o itinerario de peregrinación máis importante de Europa, o Románico entra en Galicia e instálase como o estilo de referencia en todo o territorio.
En Ourense, coa designación da cidade como señorío episcopal no século XII, o bispado promove dúas grandes construcións: unha nova catedral e o pazo episcopal. Estas dúas obras están especialmente influenciadas polo Románico compostelán, e á súa vez servirán como inspiración para as novas igrexas das parroquias no rural ourensán.
Museo Arqueolóxico – Antigo Pazo do Bispo
Igrexa de Santa María Nai
Escolma de escultura
Igrexa de Santa Baia de Beiro
Igrexa de Santo André
Igrexa de San Mamede
Igrexa de Santa María de Reza
Arco de San Miguel de Bóveda
Igrexa de San Breixo
Igrexa de Santa Marta de Velle
Igrexa de San Pedro
A Basílica de San Martiño é quizais una das catedrais románicas máis interesantes da Península pero tamén unha das menos coñecidas.
Un dos poucos edificios civís románicos que se conservan, representa o poder do bispo en Ourense, que foi desde 1122 señorío episcopal. O corpo central do patio interior organízase en dous niveis: o piso baixo cunha arquería de arcos de medio punto e o superior con xanelas. Parte do muro norte e o edificio, antigo refectorio que hoxe acolle o Arquivo Provincial, son tamén románicos.
Existe pouca información de como sería a desaparecida igrexa orixinal, parte do complexo do pazo episcopal. Discútese se foi soar da catedral ou templo catedralicio temporal. Unha inscrición no seu lado norte data a súa consagración no ano 1084 (1122 da Era Hispánica). A nova igrexa (1722) conserva na súa fachada unhas columnas de mármore que probablemente proveñan dun edificio tardorromano ou da primitiva (prerrománica) igrexa altomedieval.
O antigo pazo é desde 1951 sede do Museo Arqueolóxico Provincial, actualmente pechado. Parte dos seus fondos exhíbense nunha sala disposta na antiga capela do convento de San Francisco, hoxe complexo cultural. A mostra recolle unha interesante selección de pezas escultóricas do Románico.
Referente e exemplo do románico rural en Galicia, esta igrexa parroquial conserva boa parte do seu aspecto orixinal de comezos do século XIII. A portada principal ten dúas arquivoltas de medio punto con decoración vexetal de influencia mateana, o mesmo que os chapiteis. A ábsida está dividida en cinco partes, unha delas parcialmente tapada pola sancristía, e remátase cun Agnus Dei.
A igrexa románica de Santo André (s. XIII), no núcleo rural de Castro de Beiro, aséntase, precisamente, sobre un antigo castro prerromano desde o que se divisan magníficas vistas.
A igrexa de Palmés (s. XIII) naceu vencellada ao hoxe desaparecido mosteiro de Santa Comba de Naves. A súa remodelación no XIX fixo desaparecer boa parte da súa traza románica pero consérvanse vestixios nas fachadas sur e norte: canzorros de factura xeométrica, vexetal ou figurada e anacos de xadrezado na cornixa.
Cunha posición privilexiada nas abas do monte Santa Ladaíña, con vistas sobre o Miño, esta igrexa parroquial é románica en orixe (s. XIII), aínda que amplamente modificada despois. Destacan os canzorros no muro sur, con motivos xeométricos, vexetais e figurativos.
Un fermoso arco románico no seu día parte dunha igrexa e hoxe “camuflado” na Avenida de Zamora.
A fachada contemporánea desta igrexa parroquial contrasta coa sancristía moderna, onde vemos algúns canzorros que, aínda que reutilizados, son propios da súa orixe románica: motivos xeométricos e cabezas monstruosas. Aprécianse marcas de canteiro nalgúns perpiaños.
Igrexa que combina varios estilos, aínda que no seu interior conserva elementos puramente románicos, como o arco triunfal e os chapiteis nos que se apoia, con decoración vexetal. Ambos os dous son do século XIII.
Aínda que moi transformada, esta igrexa conserva elementos románicos que a sitúan a comezos do XIII. Destaca a fachada sur, con porta con arco de medio punto e ménsulas a diferente altura, unha representando unha figura humana con túnica. A cornixa está sostida con canzorros de decoración simple.