Igrexa de San Pedro

Travesía do Torreiro, 2, 32103

A igrexa de San Pedro, en Cudeiro, atópase en pleno Camiño de Santiago. Aínda que moi transformada, conserva elementos románicos que a sitúan a comezos do século XIII.

A igrexa de San Pedro atópase no núcleo de Cudeiro, ao pé do Camiño de Santiago. Mesmo se foi moi transformada (a fachada é do século XX en estilo neogótico), aínda conserva elementos románicos que a sitúan a comezos do século XIII.

Na fachada sur localízase unha porta con arco de medio punto. Esta apóiase nunhas ménsulas de diferente altura, unha delas representa unha figura humana con túnica. A cornixa está sostida con canzorros de decoración simple. En troques, a fachada norte e a ábsida rectangular teñen un desenvolvemento máis sinxelo, probablemente polas transformacións sufridas. Os canzorros da cabeceira, algúns da construción orixinal, teñen un motivo xeométrico repetido. No remate, un Agnus Dei.

No interior consérvase, románico, o arco triunfal apoiado en chapiteis vexetais e figurados. O seu retablo é unha peza manierista do s. XVIII, recentemente restaurado, composto por predela, dous corpos e ático. Na parte central pódese contemplar a imaxe da Inmaculada Concepción, á súa dereita a de Santa Bárbara e á súa esquerda a de San Lucas Evanxelista. Pola súa banda, no ático represéntase a fuxida de Exipto nun relevo.