Igrexa de Santa Baia de Beiro

32981

Referente e exemplo do románico rural en Galicia, esta igrexa parroquial no núcleo de Beiro conserva boa parte do seu aspecto orixinal.

 

A igrexa de Santa Baia de Beiro é un referente e exemplo do románico rural galego, xa que conserva gran parte do seu aspecto orixinal. Dada a similitude coa portada da Claustra Nova, pódese situar a principios do século XIII.

A portada principal (cun pórtico engadido séculos despois) ten dous arquivoltas de medio punto con decoración vexetal de clara influencia mateana, o mesmo que os chapiteis. O tímpano orixinal non se conserva pero si o seu apoio, onde apreciamos unhas cabezas de animais monstruosos. Sobre a portada, un tornachoivas sostido por uns canzorros en gran parte figurados, destacando a silueta sentada con libro e outra que bebe dun bocoi.

A ábsida está dividida en cinco partes, aínda que unha está parcialmente tapada pola sancristía. Na parte superior e como remate, un Agnus Dei. Os canzorros que sosteñen o tellado conteñen elementos figurados, animais (como o mono que tapa as súas orellas) e vexetais. As xanelas son de arco de medio punto decoradas con xadrez e sostidas por unha parella de columnas e chapiteis figurados e vexetais.

No lateral norte, unha portada moldurada. Na imposta atopamos unha decoración curiosa, o corpo dunha serpe, mentres que o tímpano representa un lobo.

No interior, de planta de nave única e ábsida semicircular, a decoración románica céntrase nos chapiteis. O do lado do evanxeo con catro grifóns, motivo repetido na xanela absidal; o da epístola ten decoración vexetal. Unha bóveda de canón cobre o presbiterio. Destacar o artesonado do s. XVI.