
Igrexa de Santa María de Reza
Camiño tras da Igrexa, Reza,
A igrexa de Santa María de Reza ten unha posición privilexiada no monte Santa Ladaíña, con vistas sobre o río Miño. Románica en orixe, incorpora tamén elementos barrocos e neoclásicos.
A igrexa parroquial de Santa María de Reza ocupa unha posición privilexiada na aba do monte Santa Ladaíña, nun lugar con bonitas vistas sobre o río Miño. Aparece xa mencionada en documentación do século XIII. A colección de Tesouros da Catedral conserva a Virxe de Reza, unha talla en madeira policromada tamén do século XIII, o cal contribúe tamén a datar aquí a igrexa.
Aínda que románica en orixe, esta igrexa parroquial foi amplamente reformada despois nos estilos barroco e neoclásico. Da súa construción románica atopamos elementos no muro sur, sobre todo nos canzorros. Estes teñen motivos xeométricos, vexetais e figurativos, entre os que se distingue a cabeza dun porco e unha cabeza humana.
No interior, románico, mantéñense as ménsulas que sosteñen a tribuna e a pía bautismal..
Seguimos as pegadas deste estilo puramente medieval na cidade, nun paseo que comeza na Catedral de San Martiño e continúa explorando o aínda descoñecido rural ourensán.