Igrexa de Santo André

Caserio O Castro, 8, Castro de Beiro, 32980

A igrexa románica de Santo André (s. XIII), no núcleo rural de Castro de Beiro, aséntase, precisamente, sobre un antigo castro prerromano desde o que se divisan magníficas vistas.

A aldea de Castro de Beiro, no perímetro rural de Ourense, recibe o seu nome dun antigo castro; un asentamento prerromano sobre un promontorio que permitiría aos seus habitantes ter unha posición vantaxosa fronte a ataques. Sobre este promontorio atópase a igrexa parroquial de Santo André de Beiro, desde a que se aprecian unhas magníficas vistas da contorna. O templo encádrase dentro do denominado tipo “clásico” do románico galego, a principios do século XIII.

A porta da fachada principal consta dun arco de medio punto lixeiramente apuntado con decoración de xadrez. Nun chapitel represéntanse unha árbore e cinco aves, mentres que o seu oposto contén decoración vexetal. No tímpano, a pesar de non estar completo, aínda se distingue parte dunha cruz. Sobre a portada un tornachoivas adornado con bólas e sostido por varios canzorros de temas vexetais.

Tanto a fachada sur como o norte dispóñense de forma parecida: cunha porta con arco apuntado e tímpano liso. A cornixa está sostida por canzorros adornados con formas xeométricas.

A ábsida está centrada pola xanela de medio punto en cuxos chapiteis se representan temas vexetais. Cornixa sostida con canzorros xeométricos e nas métopas aparecen variacións de flores de catro pétalos.