
Igrexa de San Breixo
Praza Laxas, 9, 32970
A Igrexa de San Breixo forma parte do fermoso núcleo rural de Seixalbo, que recibe aos peregrinos do Camiño de Santiago á súa chegada a Ourense.
A igrexa de San Breixo sitúase nun extremo da ladea de Seixalbo, ao pé do Camiño de Santiago. De planta de nave única e ábsida rectangular, sufriu bastantes alteracións que modificaron unha fábrica románica que probablemente era de principios do século XIII.
A fachada, obra de Vázquez Gulías, foi realizada a principios do século XX e substituíu á anterior, de estilo románico. O reloxo, pagado «a escote» pola veciñanza, marcou o ritmo das tarefas do campo durante todo o século pasado e foi un elemento crucial nas quendas de rega.
No interior do templo destaca o gran arco de ferradura reconstruído e a capela de San Roque, de estilo plateresco (s. XVI).
Románico en San Breixo
Os elementos románicos conservados concéntranse nuns canzorros reutilizados na sancristía moderna. A maioría teñen decoración xeométrica e dous aparecen adornados con cabezas monstruosas. Ademais aprécianse marcas de canteiro nalgúns perpiaños.
Seguimos as pegadas deste estilo puramente medieval na cidade, nun paseo que comeza na Catedral de San Martiño e continúa explorando o aínda descoñecido rural ourensán.