Iglesia de Santo Domingo

Igrexa de Santo Domingo

Rúa Santo Domingo, 28-38, 32003

Apertura segundo culto

Igrexa pertencente a un antigo convento dominico fundado no século XVII. A sinxeleza da súa fachada contrasta cos retablos do interior, de douradísimo estilo barroco.

Igrexa pertencente á parroquia de Santa Eufemia do Norte, aínda que habitualmente se coñece como Santo Domingo, igual que a rúa na que se sitúa. O nome fai referencia aos monxes dominicos que aquí habitaron, desde o século XVII até a Desamortización (s. XIX), un convento do que só se conserva este templo. A súa sinxela fachada contrasta cos retablos barrocos do seu interior, dourados e con abundante policromía.

Curiosamente orientada ao leste, a fachada é de liñas sinxelas, rematada en espadana. Presenta portada enmarcada por pilastras acanaladas e sobre elas un frontón con escudo circular sen labra con coroa real. O interior é en planta de cruz latina cunha soa nave lonxitudinal cuberta con bóveda de crucería e no cruceiro cúpula sobre pendentes. O altar maior é obra do escultor leonés Francisco de Castro Canseco, do mesmo xeito que os rechamantes retablos do Rosario e San Jacinto, con policromados e dourados característicos do século XVIII.

O convento foi fundado en 1643-66 polo indiano Domingo Rodríguez de Araújo na rúa entón coñecida como Corredoira, onde se atopaba unha das portas da cidade. Tras a Desamortización, pasou ser ocupado por diversas institucións (Pazo Provincial, Audiencia) até ser demolido para edificar a nova sede de Facenda.