Museo Estanislao Reverter

Estación de Santa Cruz de Arrabaldo. N-120 – Salida Km 582 (Casardomato), 32990

Acceso con cita previa

988 317 930

ctc-inorde@inorde.com

Museo que recolle o legado deste piloto, impulsor do Rallye de Ourense e un dos deportistas galegos máis importantes do século XX.

O Museo Estanislao Reverter recolle, conserva e expón o legado deste destacado piloto, impulsor do Rallye de Ourense e un dos pais do automobilismo galego, finado en 1991.

O Museo, organizado en dous andares, recolle a traxectoria deportiva de Estanislao « Lalao» Reverter, expoñendo parte dos fondos da fundación que leva o seu nome. Destaca a colección de trofeos e outros obxectos persoais (revistas, libros, etc.), réplicas en miniatura dos seus coches, cascos e obxectos cedidos por diferentes persoas que tiveron relación con Estanislao.

O andar superior é un percorrido pola vida deportiva de Lalao desde os seus inicios en 1955 ata o seu derradeiro Rallye en 1975. Repásanse as súas 54 vitorias absolutas en probas de diferentes especialidades (rally, circuíto e montaña), 12 participacións no mítico Rallye de Montecarlo, onde competía como piloto oficial de Rover en 1966; e dúas vitorias no Rallye de España – RACE, naqueles tempos o máis importante do automobilismo nacional. Nestas salas, a través de de fotos, trofeos, placas, regulamentos e rutómetros, rodas dos seus vehículos, a maqueta restaurada por Marcial López do Circuito do Noroeste e diverso material repásanse os vinte anos da súa exitosa carreira como piloto.

A planta baixa dedícase ás outras facetas de Lalao: creador do Rallye de Ourense e fundador de Escudería Ourense, promotor de pilotos co seu equipo Reverter Competición e construtor do mítico Alpinche. Conta cun Goggomobil, trofeos, unha colección de coches en miniatura de parte de vehículos cos que correu Estanislao, cascos de diferentes épocas, revistas, libros, monos de competición e diversas distincións entre a que destaca a Medalla de Prata ao Mérito Deportivo e a distinción ao Mérito Constitucional. Tamén conta cun espazo para albergar ao mítico Alpinche unha vez sexa restaurado.

Estacións Vivas

A antiga estación de tren de Santa Cruz de Arrabaldo, nos arredores de Ourense acolle as salas do Museo Estanislao Reverter. A restauración do inmoble forma parte do proxecto «Estacións Vivas» promovido polo INORDE, organismo dependente da Deputación de Ourense, para a revalorización de ata sete infraestruturas ferroviarias en desuso. O Museo Estanislao Reverter comparte espazo con o Museo do Traxe Tradicional Galego e o Centro de Intepretación do Liño.