Parque Miño

Gran parque urbano na beira esquerda do Miño, alberga numerosas estatuas dos artistas máis significativos da cidade.

Gran parque na beira esquerda do Miño, foi inaugurado como espazo de lecer e descanso para a cidade en 1992, sendo un dos primeiros esforzos por «abrir» Ourense ao río.

Recinto cercado e vixiado, destaca o gran número de esculturas que acolle, todas obras dalgúns dos artistas máis significativos da cidade e que constitúen, en conxunto, unha fermosa galería de arte ao aire libre. Atopamos aquí pezas de García de Buciños, Antonio Faílde, Acisclo Manzano, Ramón Conde, Xosé Cid, Luís Borrajo e Arturo Baltar, cuxa serea aleitando un neno coroa o estanque central do parque.

Na súa parte superior, que conecta directamente co Centro Comercial Ponte Vella, atópase unha ampla zona de xogo infantil, ademais da cafetaría. Na parte inferior, entre o céspede, merendeiros de pedra.

Ideal para unha tarde de sol e bo tempo, este parque é permitirá descubrir a tradición escultórica da cidade, con numerosas estatuas que destacan entre a vexetación e o verde da paisaxe.