Praza do Trigo

Antigo mercado de cereais na fachada sur da Catedral, rodeado de casas nobres.

A súa irregular forma obedece a ser máis unha encrucillada de camiños que unha praza, e os seus soportais lémbrannos a que foi a súa función durante décadas: antigo mercado de cerámica, prateiros e tamén cereais, de onde lle vén o nome. Está presidida pola fachada sur da Catedral, da que ofrece magníficas vistas, e centrada pola Fonte Nova. Cercada por pórticos e casa fidalgas, prolóngase pola Praza das Damas, que foi patio de laranxeiras da Catedral.

Dous reloxos marcan a hora nesta praza, serás quen de atopalos?

A fachada sur da Catedral sobresae polo aspecto defensivo que lle confiren as torres e ameas, que evocan o señorío da cidade, e a dualidade das funcións do bispo, líder relixioso pero tamén civil. A torre do reloxo, do século XVI, engadiuse sobre a torre orixinal, sendo perceptibles as diferenzas entre as dúas fábricas. Non é o único mecanismo para medir o tempo que atoparemos aquí; nunha das súas columnas veremos tamén un reloxo de sol (ollo, a hora solar vai dúas horas por diante).

Se nos situamos na fonte que centra a praza (chamada Fonte Nova, pois veu substituír outra anterior, do século XVIII), á nosa dereita veremos unha fileira de casas entre as que destaca unha cargada fachada neobarroca, obra do arquitecto Jesús Vidal datada a finais do século XIX. Sobre o granito, a ornamentación vaise abigarrando a medida que ascendemos en altura, para aproveitar o desnivel da praza e a súa perspectiva visual. O dintel da porta, co emblema do comercio e a industria, revela a actividade do antigo propietario. Hoxe forma parte das dependencias municipais. Á súa esquerda atopamos tamén a dezaoitesca casa dos Temes.

Pola esquerda, a praza prolóngase nun pequeno espazo cuadrangular coñecido como Praza das Damas, que na documentación medieval aparece recollida como “patio de  laranxeiras”,  e que algún autor considera que podería ser o espazo do inconcluso claustro da Catedral. Aquí atópase a sede da Confederación de Empresarios de Ourense, que ocupa o edificio renacentista da antiga casa dos Gayoso, como testemuña o brasón da súa fachada.