Ponte do Loña

Unha fermosa ponte medieval aínda transitable, inicia a ruta cara a Santomé, poboado castrexo e romano ao que posiblemente xa deu servizo hai centos de anos.

Situada no camiño vello dos núcleos de Mende e Velle, trátase dunha fermosa ponte de corte medieval dun só arco asentada sobre bolas graníticas da que temos unha primeira referencia no ano 1238.

Con gran probabilidade, veu substituir outra anterior, romana, construída en madeira ou mesmo en pedra, que daría servizo á villa galaico-romana de Santomé. Hoxe a ponte é un dos puntos de partida da ruta que nos levará até este complexo arqueolóxico e natural.

O seu arco, lixeiramente apuntado, ten unha luz de 12,87 metros. A rampla, empinada, é bastante estreita, de 3,60 metros, e ten muros de acompañamento. A pequena inscrición nunha dovela e a data de 1238 suxiren a época de construción cara a comezos do s. XIII, con varias reparacións posteriores. En 1969 o Concello realiza unha primeira consolidación para evitar a súa ruína, e en 1988 prodúcese a última e máis relevante, recuperándoa para o tránsito peonil.