Ponte Nova

Foi a segunda das pontes sobre o Miño, construída cos cambios que transforman a cidade a finais do XIX. O seu arco metálico lembra os deseños de Eiffel.

É a segunda ponte na cronoloxía ourensá: a súa inauguración, a comezos do século XX, trouxo consigo o título de «vella» para a Ponte Maior, até entón a única sobre o Miño. O deseño modernista do seu arco central lémbranos as creacións de Gustave Eiffel.

A historia da ponte comeza en 1895, anos de tranformación da cidade, cando o deputado en Cortes D. Vicente Pérez inicia as xestións para a construción dunha nova ponte sobre o río Miño que desconxestione a Ponte Maior.

Baixo o deseño do enxeñeiro Martín Díez de la Banda, termináronse as obras e foi inaugurada en 1918 coa fin de facilitar e mellorar a comunicación das dúas beiras. A pedra utilizada na fábrica da ponte procedía da aldea próxima de Outariz, e era labrada por canteiros de Cotobade (Pontevedra) baixo a dirección do propio Díez de la Banda.

Áncoras, pontes, follas de carballo e outros motivos decoran os baixorrelevos dos arcos en pedra dos extremos desta ponte, símbolo do esplendor do Ourense de principios do século XX.

Consta de seis arcos de perpiaño e un tramo metálico de arco parabólico con 74 metros de luz. Nos extremos, a disposición, de esquerda a dereita, é de tres arcos de medio punto de 12 metros de luz, seguido dun de tipo abatido de 25 metros de luz. Unha vez salvado o río de novo dous arcos, o primeiro abatido e o segundo de medio punto de idéntico tamaño aos primeiros. Na parte superior atópanse uns farois de fundición realizados polos Talleres Iglesias de Madrid.

Atópase situada augas arriba da Ponte Vella, a 450 metros de distancia.