Praza do Correxidor

Praza protagonista de dous momentos cruciais na historia de Ourense: a chegada dos primeiros monxes franciscanos e o exercicio do poder da Coroa a través do corrixidor.

Praza situada ao leste da catedral, nela unha estatua do escritor Otero Pedrayo parece convidar a contemplar a fermosa visión da súa ábsida, o ciborio e as torres.

Como o seu nome indica, aquí atopábase a residencia dos corrixidores, da que aínda se atopan algúns vestixios nos edificios de moderna construción: unha inscrición do século XVII e un escudo do século XVI.

O lugar foi hai séculos a primeira localización do convento dos franciscanos, asentados na cidade desde 1238. Todo indica que por entón os frades tiñan dúas casas e a igrexa, pero que graves disturbios urbanos a finais do s. XIII provocaron o incendio e destrución do mosteiro.

Na praza atópanse tamén a casa dos Temes (polos escudos, hoxe dedicada a colexio) e unha capela neogótica, obra de Antonio Crespo (1897).

O seu importante papel na historia da cidade non impediu que sexa na actualidade un dos centros neurálxicos da noite ourensá.

A estatua dedicada a Don Otero Pedrayo é obra de Buciños e data de 1983. Encargada polo Concello, provisionalmente estivo situada na Alameda, ata que en 1988 se trasladou a este lugar. Outro autor ilustre, Eduardo Blanco Amor, situou aquí aos protagonistas da súa novela A Esmorga, e non é de estrañar: a praza segue a ser hoxe centro da vida nocturna de Ourense.