Ponte Novísima
Foi unha construción crucial no desenvolvemento dos «accesos a Galicia» que nos anos 70 conectan este territorio coa meseta.
A Ponte Novísima foi proxectada a comezos dos anos 60 como parte da estrada de Madrid, unha das principais infraestruturas viarias da época. Adecuábase así a conexión coa meseta, os chamados «accesos a Galicia», nos que Ourense xogou un papel central como eixo de comunicacións.
Tamén coñecida como Ponte Ribeiriño, foi proxectada polo enxeñeiro José Antonio Puyal Lezcano. A súa construción finaliza en 1966, pero non será até 1971 que comeza a cumprir a súa función, cando queda conectada á rede de estradas.
A lonxitude total de obra, 240 metros, organízase entre un van central composto por dúas inmensas bóvedas de 60 metros de luz, e oito laterais de 20 metros de luz cada un, todos apoiados sobre grosos alicerces rectangulares. Integramente construída en formigón, a ponte elévase 20 metros sobre o nivel normal do río.