Viaduto

Unha obra de enxeñaría de gran envergadura pero sorprendente lixeireza. Unha mágoa que só poida visitarse desde o tren.

A existencia dun viaduto elevado sobre o río Miño foi imprescindible no desenvolvemento do transporte ferroviario en Galicia, que arrinca en Ourense a finais do século XIX. A súa construción permitiu que a vía, que entra polo sueste na comunidade, empatase aquí co tramo de Monforte e a liña Vigo-A Coruña, pechando deste xeito o sistema de ferrocarrís do Noroeste.

O primeiro proxecto data de 1933, pero non se finalizou até 1958. Foi deseñado polo enxeñeiro José Luis Tovar Bisbal, quen tamén se ocupou da construción da estación de tren Ourense-Empalme. O viaduto ten unha lonxitude de 415 metros e conta con tres inmensos arcos parabólicos de 46 metros de altura que lle transmiten certa lixeireza. Aínda que os primeiros deseños eran dunha ponte metálica, a obra final construíuse integramente en formigón, sendo unha das primeiras construcións desta envergadura que empregaban este material.

A súa construción supuxo a conexión dos ferrocarrís do sur de Galicia co resto da península, convertendo a Ourense no nó de comunicacións que é hoxe.