Cemiterio de San Francisco
Rúa da Granxa, S/N, 32005
De luns a venres: 10.00-19.30 h. Sábados, domingos e festivos: 9.30-13.00 h |16.30-19.30 h.
Romántico cemiterio onde descansan algúns dos nomes máis importantes da cultura ourensá.
Romántico cemiterio na parte alta da cidade, nas abas do Montealegre, vinculado ao antigo convento de San Francisco. Bañado pola luz desde o amencer até o solpor, co aroma dos loureiros e cipreses e a beleza dos seus mausoleos, lápidas e recunchos cativou a poetas e artistas ourensáns que atoparon aquí o seu último lugar de repouso. O disco San Francisco Express da emblemática banda de rock Los Suaves é unha homenaxe a este melancólico e elegante camposanto. Foi declarado Ben de Interese Cultural no ano 2000.
A súa historia remóntase a comezos do século XIX, cando a cidade, inmersa nun proceso de transformación e crecemento, viuse necesitada dun novo camposanto que cubrise a crecente demanda e estivese fóra do núcleo urbano. Foron os franciscanos os que cederon un terreo para a súa construción á beira do convento. En 1834 se inaugura, coa bendición do bispo, e en 1887 constrúese, nun pequeno anexo, o cemiterio laico. O espazo de enterramento sería ampliado en múltiples ocasións polo sur e o leste, subindo as abas do Montealegre.
Paga a pena deterse a buscar a lápida do profesor e antropólogo Xosé Ramón Fernández Oxea «Ben-cho-sey», na que con gran humor convida os seus amigos a «visitalo» na súa nova morada, advertindo que non se admiten homenaxes póstumas.
O seu interese radica tanto na beleza e monumentalidade das súas sepulturas (obra de artistas como Piñeiro, Víctor Macho, Faílde… pero tamén saídos da emblemática metalurxia Malingre) como nos seus moradores, xa que aquí descansan grandes nomes da literatura, as artes e o pensamento: Blanco Amor, Otero Pedrayo, Lamas Carvajal, Cuevillas, Xavier Prado «Lameiro», Marcelo Macías, ou os pintores Fernández Mazas, Prego de Oliver, Parada Justel e Jesús Soria. Conta o cemiterio coa súa Asociación de Amigos, da que foi presidente de honra o poeta José Ángel Valente (aquí enterrado), e que durante anos pelexou polo seu recoñecemento e protección, logrando que no ano 2000 fose declarado Ben de Interese Cultural. Desde o 2015 pertence á «Asociación Europea de Cemiterios Singulares».
Cemiterios de Ourense
A apertura de San Francisco marca un fito na historia dos enterramentos na cidade. En tempos medievais os mortos repousaban no interior das igrexas (caso das familias nobres) ou ben en cemiterios próximos a elas, como o foi a Praza da Madalena. Durante os séculos XVI-XIX, nunha cidade que crece pouco, os dous camposantos urbanos, o da Igrexa da Trindade e o do Hospital de San Roque (nunha parte do que hoxe é a Alameda) eran abondo para a poboación.
Na actualidade Ourense conta con tres cemiterios, os dous históricos de San Francisco e As Caldas, no barrio da Ponte, e un de construción moderna en Santa Mariña.
Horario
De luns a venres: 10.00-19.30 h.
Sábados, domingos e festivos: 9.30-13.00 h |16.30-19.30 h.
Contacto
988 253 562
Un claustro sen igrexa, recordo do convento franciscano que logo se transformaría en cuartel militar. A fermosa decoración dos seus arcos merece unha visita.