
Igrexa de Santiago
Gustei, 32100
Esta igrexa románica do século XIII, no núcleo de Gustei, destaca por conservar practicamente intacta a súa espadana orixinal.
A igrexa de Santiago en Gustei, do século XIII, destaca por conservar a súa espadana orixinal, algo pouco habitual. A espadana disponse en dous vans e, sobre ela, descansa unha figura sedente que seguramente represente ao santo titular, Santiago.
A fachada principal da igrexa conserva tamén o espírito románico, coa súa portada con arcos de medio punto e tres arquivoltas. As dúas primeiras arquivoltas teñen decoración vexetal, mentres que a interior combina a decoración vexetal coa figurada: nos arranques de ambos os lados dúas imaxes que nos lembran a Anunciación. Tres columnas con capiteis de temática vexetal, agás un con cabeza monstruosa. No tímpano, refeito, aínda se aprecia o seu arco lobulado, clara influencia da catedral ourensá. Nel aparece o texto “ESTA É IGREXA DE REFUXIO SACRO”. Complétase a decoración da fachada co motivo de puntas de diamante.
A fachada sur ten unha portada con arco de medio punto con chapiteis vexetais e no tímpano un escudo. Unha das ménsulas presenta unha figura dunha cabeza masculina barbada. A cornixa está sostida con canzorros decorados con temática vexetal, pero nalgúns aprécianse cabezas humanas e tallas xeométricas. A fachada norte, en troques, é máis sinxela e concentra o ornamento nos canzorros da cornixa, de formas xeométricas.
A ábsida, de forma rectangular, concentra a súa decoración nos canzorros (tema xeométrico, vexetal, cabeza monstruosa) e nos chapiteis vexetais. Como adoita ser habitual, coroando a parte posterior, un Agnus Dei en forma de año cunha cruz ao lombo.
No interior, dunha soa nave e ábsida rectangular, consérvase o arco triunfal que se apoia en chapiteis vexetais. No retablo barroco unha figura en pedra do Apóstolo Santiago, sedente, policromado, que lembra a figura homónima da catedral auriense.
Seguimos as pegadas deste estilo puramente medieval na cidade, nun paseo que comeza na Catedral de San Martiño e continúa explorando o aínda descoñecido rural ourensán.