Nova estrela Michelín en Ourense
O restaurante Ceibe, na rúa San Miguel, acaba de recibir esta distinción.
A cidade de Ourense engade un novo recoñecemento á súa oferta gastronómica coa distinción dunha estrela Michelín ao Restaurante Ceibe, rexentado polos chefs Lydia del Olmo e Xosé Magalhaes. Este galardón, entregado pola Guía Michelín (unha das publicacións gastronómicas máis prestixiosas do mundo), distingue a aqueles establecementos que destacan pola calidade, a creatividade e o esmero dos seus pratos. Concretamente, a guía francesa recomenda o restaurante Ceibe para aquelas persoas que buscan a esencia galega, asegurando que “emana sentimento e autenticidade por cada un dos seus poros”.
As outras estrelas Michelín ourensás
Con este novo recoñecemento, a cidade de Ourense conta xa con dúas estrelas Michelín, ao sumarse esta á que xa posúe o Restaurante Nova desde 2014. Durante estes últimos 8 anos, a publicación gala recoñeceu o saber facer deste establecemento, que aposta pola cociña de raíces e ofrece tres menús degustación que cada semana se adaptan aos produtos de tempada.
A Guía Michelín tamén recoñece á cafetaría Pacífico, neste caso co distintivo Bib Gourmand que sinala aos locais cunha boa relación calidade/prezo, resaltando o seu menú-degustación con produtos de proximidade así como o brunch das fins de semana.
Máis recoñecementos gastronómicos en Ourense
Ademais da Guía Michelín, a restauración ourensá tamén foi recoñecida por outras prestixiosas referencias gastronómicas. Por exemplo, a Guía Repsol distingue cun Sol aos restaurantes Nova, Ceibe e A Taberna, á vez que recomenda os restaurantes El Coto, Sanmiguel e Sybaris 2.0, xunto coa cafetaría Pacífico. Igualmente, recoñece cun Solete á xeadaría La Central e as cafetarías Latino e La Zapatería del Abuelo, así como outros restaurantes e establecementos de tapas como o Fuentefría, O Rei do Xamón, Bar Orellas, La Estación de Loman e Umami.
Con estes recoñecementos, Ourense consolídase como un destino gastronómico de primeira orde no que as raíces e os produtos tradicionais fusiónanse coas novas tendencias e as técnicas culinarias máis avanzadas, adaptándose aos padais máis esixentes e ofrecendo unha experiencia gastronómica para todos os gustos.