O outono é tempo de Ourense
Polo Magosto e por moitas razóns máis, o outono é un momento ideal para visitar Ourense.
Cada ano o outono trae numerosas actividades á cidade de Ourense, que sumadas ás súas propostas turísticas tradicionais (benestar, gastronomía, cultura, comercio…) convértena no destino ideal para visitar durante esta época do ano.
A continuación, algunhas das actividades que poderás atopar en Ourense este mes de novembro:
Máster Internacional de Carcross Castro de Beiro
5 e 6 de novembro
Proba organizada pola Federación Galega de Automobilismo que reunirá a unha selección de vehículos carcross (fórmulas monopraza de chasis tubular de pequeno tamaño, dotados dun motor de motocicleta de 600 cabalos) e que contará co aliciente de realizarse nun singular escenario: a mítica subida da costa de Canedo. Pode verse o seu díptico nesta ligazón.
Xantar – Salón Internacional de Turismo Gastronómico
Do 9 ao 13 de novembro
Con 23 edicións, Xantar consolídase como a feira culinaria por excelencia de Galicia, e a única feira de turismo gastronómico acreditada da Península Ibérica. Conformada por múltiples propostas nacionais e internacionais, inclúe degustacións, showcookings, menús especiais, formación e outras actividades que poderás consultar na súa web.
Magostos
11 e 12 de novembro
Trátase dunha das festas máis senlleiras de Ourense. Na súa orixe era unha celebración pagá na que se honraba a chegada das colleitas do outono, particularmente a castaña, produto emblemático da gastronomía local. Hoxe en día esta tradición continúa, e cada 11 de novembro (día de San Martiño, patrón da cidade) os montes próximos énchense de fogueiras ao redor das que se gozan de castañas asadas, chourizos e viño novo. A tradición do Magosto en Ourense é tan importante que no ano 2008 foi declarada Festa de Interese Turístico de Galicia. Consulta o programa especial nesta ligazón.
Feira da Chinita
13 de novembro
Os amantes da cultura e a gastronomía venezolana teñen unha cita en Ourense coa Feira da Chinita. Este evento, de acceso gratuíto, terá lugar no Campo da Feira o domingo 13 de novembro, desde as 12 h até as 21 h. Os asistentes poderán degustar os pratos máis representativos da cociña venezolana e gozar dun amplo abano de actividades que inclúen música en vivo, DJs, concurso de talentos e xogos para nenos.
Carreira de San Martiño
20 de novembro
Esta carreira pedestre popular, a máis antiga de Galicia, celebra este ano a súa 45ª edición. Como cada ano o seu percorrido de 10 quilómetros transcorre por lugares tan emblemáticos da cidade como a Ponte Romana, a Ponte do Milenio ou a Praza Maior. Inscricións e máis información na súa web.
Tempo de termas
Coa recente reapertura das zonas de baño do Paseo Termal, a cidade consolídase como o destino ideal para deixarse coidar este outono. Calquera época do ano é boa para visitar as termas de Ourense, pero o clima do outono é especialmente idóneo para gozar dunha auténtica experiencia termal.
Tempo de cultura
A cidade de Ourense recupera a súa actividade cultural tras o verán, con eventos como o festival musical Musgo ou as tradicionais propostas escénicas do Auditorio e o Teatro Principal, pero tamén dos seus museos, salas de exposicións e outros centros culturais. Consulta máis actividades culturais na nosa axenda.