Entroido Ourense 2024

Entroido é unha das mellores épocas para achegarse a descubrir Ourense. Aquí dámosche algunhas ideas para a túa visita.

OURENSE, ENTROIDO 2024

O municipio de Ourense está inmerso na celebración do Entroido, unha das nosas festas máis importantes. Aínda que os días máis destacados na cidade son do 8 ao 14 de febreiro, hai entroidos singulares nos núcleos rurais, como o das Pitas de Eiroás e o de Paquita e Nicanor de Seixalbo, que empezan os seus festexos semanas antes, con citas coma o domingo fareleiro (en que hai guerras de fariña) ou o domingo oleiro (en que se xoga a tirar sen romper as olas). En Ourense comeza o xoves de comadres (en que todos deben saír vestidos de muller) e continúa o sábado, o domingo co seu tradicional desfile, o luns, o martes (festivo local) e termina o mércores co Enterro da Sardiña. É case obrigatorio sempre saír disfrazado; se non, un arríscase a pagar roldas nos bares.

Grazas ao AVE, que deixa a Ourense a pouco máis de dúas horas de Madrid, pódese coñecer esta celebración desde a capital ou desde calquera das demais cidades conectadas da rede, e participar en todas as animadas actividades diurnas e nocturnas que ofrece: elaborar un disfrace a man coa familia ou un grupo de amigos e saír todos vestidos como unha comparsa é unha das máis maneiras máis divertidas de vivilo.

Non hai que esquecer que o Entroido en Ourense é tamén gastronomía, co seu menú típico desta tempada, no que destacan o cocido galego (con todo tipo de carnes de porco) ou as androllas, e de sobremesa as orellas doces.

Ata que o Enterro da Sardiña, cun cortexo fúnebre de plañideiras que despiden este peixe, dea inicio á Coresma, en Ourense poderás comprobar como é unha perfecta fusión do entroido urbano co rural máis tradicional; poderás ver desfilar ás Pitas, a máscara local; ou poderás coñecer a particular tradición da confraría de Frei Canedo no barrio da Ponte.

Ourense é, en definitiva, a capital do Entroido nunha provincia de entroidos singulares, e esta efeméride é unha das mellores datas do ano para vir coñecela.

Ourense Capital Termal tamén é Ourense Capital do Entroido. Porque do mesmo xeito que aglutina neste val mananciais e baños termais ao aire libre, é esa mesma liberdade a que se respira nesa festa que inicia a triada do ciclo festivo ourensán (EntroidoMaiosMagostos), sendo a primeira a que pon fin ao recollemento do inverno e dá “entrada” (que é o que significa “entroido”) a unha nova estación, a segunda a explosión da primavera e a última a que volve pechar o ciclo anual.

Para un día

A chegada dos trens de alta velocidade á nosa cidade pon en valor lugares para os que queren gozar nun mesmo día de experiencias diferentes. Un pode o Domingo de Entroido (día grande na cidade) tomar un tren ás 10 da mañá desde Madrid (tomenos este lugar como referencia) e chegar á cidade en apenas dúas horas. Nun curto paseo pódese gozar da panorámica do río (Ponte Romana), visitar o centro histórico (sen deixarnos as emblemáticas fontes das Burgas ou os tesouros da Catedral de Ourense). Logo, dirixirse sen pausa a un santuario do bo comer e degustar lentamente un tradicional cocido galego (prato contundente e opíparo, sinfonía perfecta para esta despedida do tempo da carne) e completalo cunha sobremesa da época como as filloas ou as orellas de entroido.

Despois dun merecido repouso, achegarse ao centro para ver o gran desfile ás 17 h., onde participan comparsas de todos os entroidos, asociacións, grupos e particulares que desexan aproveitar este tempo de diversión e festa. Por último, con calma, retornar a estación onde outro tren, ás 20.47 h., permite regresar á capital do Estado.

Para dous días

Con todo, propomos ampliar a estadía un día máis. Isto permitiranos gozar non só do desfile, senón tamén da noite. A zona dos viños, como se adoita chamar, convértese no centro neurálxico desta festa onde se concentra a ampla oferta gastronómica e de lecer cos disfraces propios deste tempo que dan fama a este entroido urbano. Praza Maior, Praza do Ferro, Praza do Correxidor e moitas máis rúas convértense nunha pasarela da imaxinación. De empregar o sábado para coñecer a cidade e o seu entroido, o domingo pola mañá sería perfecto para relaxarse nunha das termas, por exemplo en Outariz, e recuperar o corpo antes de pór fin á visita co gran desfile.

Para coñecer a fondo o Entroido

Por último, a proposta ideal é acrecentar a estadía polo menos até o martes de entroido. A aqueles a quen que lles guste o “sentimento tráxico”, deberían quedar até o mércores co “Enterro da Sardiña”, no que un pode unirse en rigoroso loito para “chorar” polo fin da festa nunha tradicional e histórica procesión detrás dunha sardiña xigante.

Ao estender a visita, poderase coñecer mellor todo o ciclo festivo local e explorar non só en entroido urbano senón os entroidos de tradición máis rural que aínda perviven dentro do municipio, que conservan máscaras orixinais (como a Festa da Pita de Eiroás) ou unen a todo un núcleo ao redor de dúas figuras (como Paquita e Nicanor en Seixalbo). Tamén desde Ourense capital pódese achegarse a calquera dos moitos entroidos tradicionais da provincia.

Sexa como for, convidamos a coñecer a nosa festa, e con iso a capital, os seus monumentos, as súas termas e a súa gastronomía, coa inmellorable proximidade da alta velocidade.

Programa de actividades Entroido 2024

Podes consultar o Programa do Entroido da cidade de Ourense nesta ligazón.

Tamén podes descargar o programa de todos os entroidos da provincia de Ourense nesta ligazón. (pdf 7Mb)