Ourense a toda velocidade
Para celebrar o primeiro aniversario da conexión de Ourense coa capital do Estado por Alta Velocidade, recompilamos algúns datos sobre o ferrocarril e a cidade das Burgas.
Grazas á súa situación estratéxica e á súa excelente rede de comunicacións, Ourense é o nó ferroviario máis importante do noroeste peninsular. Unha posición que se reforzou coa conexión de alta velocidade que une Ourense non só coa súa contorna próxima, senón tamén con lugares tan afastados como Madrid ou Levante.
Conexión galega: Ourense – Santiago de Compostela – A Coruña (1h08)
A liña de alta velocidade de Ourense–A Coruña, que sitúa á Capital Termal de Galicia a pouco máis dunha hora da cidade herculina e a menos de 40 minutos de Santiago de Compostela, púxose en funcionamento en decembro de 2011 utilizando trens híbridos tipo Alvia e Avant, capaces de circular polas liñas de alta velocidade e as estándar sen cambiar de locomotora.
Coa entrada en servizo en 2015 do novo corredor ferroviario do Eixo Atlántico, Ourense tamén quedaría comunicada con viaxes directas a través de liña de alta velocidade coas demais cidades galegas, como Vigo e Pontevedra.
Conexión mesetaria: Ourense – Zamora – Madrid (2h15)
Pola súa banda, a liña de alta velocidade Ourense–Madrid inaugurouse o 20 de decembro de 2021, situando a Ourense a tan só 2 horas e cuarto da capital española, e a pouco máis dunha hora de Zamora.
A posta en marcha desta liña non só reduciu a duración das viaxes entre estas dúas cidades, senón que tamén conectou a Ourense a través de Madrid con outros destinos da rede de alta velocidade española, o que favoreceu que se reducisen considerablemente os tempos de viaxe desde outros destinos con transbordo como Valencia (a pouco máis de 5 horas) e Barcelona ou Sevilla (a pouco máis de 6).
Conexión transpeninsular: Ourense – Alacante (5h)
Desde setembro de 2022, Ourense está unida coa cidade de Alacante a través dunha viaxe directa de 5 horas que, ademais de deterse nas xa conectadas Madrid e Zamora, tamén ten paradas en cidades como Albacete e Cuenca.
Rede de Cidades AVE
Desde setembro de 2008, Ourense forma parte da Rede de Cidades AVE, unha organización da que forman parte os 33 destinos conectados por alta velocidade en España, que busca facer do tren o mellor medio de transporte para moverse por todo o país e promocionar as experiencias e atractivos turísticos de cada destino. A través do seu portal, xente de todo o país pode coñecer as razóns para visitar Ourense e os mellores servizos ferroviarios para viaxar até aquí, e viceversa: os ourensáns poden descubrir até onde poden chegar por medio do tren.
Máis aló do AVE: Trens turísticos de Galicia
Ourense ofrece ademais outras sorpresas para os amantes do ferrocarril, sendo o destino galego que dispón de máis opcións de Trens Turísticos. Esta proposta conxunta de Turismo de Galicia e RENFE pon a disposición dos viaxeiros, durante a época estival, trens específicos que realizan excursións dun día pola rexión, nas que se combina o traxecto con visitas turísticas aos principais atractivos de cada zona.
Cada ano Ourense é punto de inicio e destino de varias propostas de viaxe. Así, en 2022 puidéronse realizar excursións a zonas como as denominacións de orixe vinícolas de Ribeira Sacra, O Ribeiro, Valdeorras e Monterrei e mesmo até as Rías Baixas.
Tempos de viaxe até Ourense
Quedando a unhas poucas horas de distancia en tren das principais cidades españolas e dos seus nodos de comunicación como portos e aeroportos, Ourense nunca estivera tan preto do resto do mundo como o está agora. Se os viaxeiros aínda non aproveitaron este primeiro ano de Alta Velocidade para descubrir a cidade, 2023 pode ser o momento ideal para facelo.