Trens turísticos de Galicia 2023
Ourense será o punto de inicio de cinco rutas dos Trens Turísticos.
En 2023 os Trens Turísticos de Galicia consolídanse como unha magnífica experiencia para coñecer e gozar dos atractivos turísticos da xeografía galega. Esta iniciativa, promovida por Turismo de Galicia, RENFE e o INORDE, acada a súa décima tempada composta por 34 viaxes que se estenden desde o 11 de marzo até o 14 de outubro.
Trátase de rutas temáticas para descubrir diferentes zonas de Galicia, nas que o traslado se realiza nunha pintoresca locomotora especialmente acondicionada, que se alterna con outros medios de transporte, como poden ser o autocar ou o catamarán. A experiencia componse de excursións circulares dun día con actividades deseñadas para gozar da paisaxe, a gastronomía e o patrimonio de cada lugar, sempre acompañados por guías especializados que amenizan a viaxe. O prezo da viaxe mantense un ano máis en 45 € por persoa, e 20 € para nenos de 3 a 13 anos, e inclúe traslados e actividades (o xantar non está incluído).
A cidade de Ourense é o punto de inicio de cinco rutas diferentes dos Trens Turísticos de Galicia.
Ofrécense 14 rutas diferentes que abarcan todo o territorio galego, e a cidade de Ourense ten un especial protagonismo xa que é o punto de inicio de cinco rutas, aglutinando máis dun terzo das viaxes. Nestes itinerarios percórrense as cinco denominacións de orixe galegas e visítanse algúns dos atractivos turísticos máis importantes da provincia de Ourense. A continuación detallamos todas as propostas que parten desde Ourense:
Atención: Por mor das obras na vía entre Ourense e Monforte de Lemos canceláronse todas as saídas das rutas: Ribeira Sacra – río Sil, Ribeira Sacra – río Miño e Ribeira Sacra – Valdeorras. Pola contra as rutas ao Ribeiro – Rías Baixas e Monterrei operan con normalidade.
Ruta dos viños do Ribeiro – Rías Baixas
Saídas: 29 xullo
A primeira visita desta ruta é unha adega da D. O. Rías Baixas. Despois trasládase á zona do Ribeiro, coa visita ao Museo do Viño de Galicia e a un dos meirandes castros de Galicia, San Cibrao de Las. Por último visítase o museo que alberga a estación de Santa Cruz de Arrabaldo.
Ruta do viño Monterrei
Saídas: 8 xullo; 19 agosto
O castelo de Monterrei é a primeira parada desta ruta pola D. O. Monterrei, que tamén inclúe unha adega e o centro histórico de Verín. Antes de regresar a Ourense, coñeceranse a monumental vila de Allariz e o museo da estación de Baños de Molgas.
Ruta do viño da Ribeira Sacra – río Sil
Saídas: 5 agosto; 2 e 23 setembro; 14 outubro | Cancelada
Percorreranse viñedos a bordo dun tren motorizado, saboreando os viños locais e gozando da panorámica sobre o río Sil. En Monforte de Lemos descubrirase máis sobre a viticultura heroica e despois de comer embarcarase nun catamarán para percorrer o canón do río Sil. Como broche final visítase o emblemático mosteiro de San Pedro de Rochas.
Ruta do viño da Ribeira Sacra – río Miño
Saídas: 26 agosto; 16 setembro; 7 outubro | Cancelada
Comeza visitándose o mosteiro das Bernardas, onde se poderá adquirir a súa repostaría, e o Ecomuseo de Arxeriz, espazo onde se xuntan etnografía, historia e natureza. Pola tarde coñecerase a singular paisaxe de “Cabo do Mundo” a bordo dun catamarán, e gozarase do viño local nunha casa señorial do século XVI con espectaculares vistas.
Ruta dos vinos da Ribeira Sacra e de Valdeorras
Saídas: 12 agosto; 9 setembro | Cancelada
Para achegarse ao territorio de dúas Denominacións de Orixe: Ribeira Sacra e Valdeorras. A bordo dun catamarán gozarase do espectacular canón do río Sil. Despois, degustaranse os viños no D.O. Valdeorras e poderase admirar unha xoia do barroca galego, o santuario de As Ermidas. A xornada acaba nos Peares, coa visita ao seu museo ferroviario.
Outras rutas
Xunto con estas 5 rutas que se inician e acaban na cidade de Ourense, tamén se pode gozar da “Experiencia MEGA e A Coruña de 1906”, pois aínda que este itinerario parte da cidade de Vigo, o billete inclúe a conexión gratuíta desde Ourense. De feito, Ourense pode ser unha interesante base de operacións para as rutas que empezan en Santiago de Compostela e A Coruña, xa que estas cidades atópanse a tan só 38 e 68 minutos en tren de Ourense.
Máis información sobre os Trens Turísticos de Galicia e reservas en www.renfe.es ou o teléfono 912 555 912.
Ourense, porta a Galicia
A excelente conexión ferroviaria de Ourense ofrece a posibilidade de gozar dos encantos desta cidade dunha maneira moi cómoda, e facilita coñecer a súa marabillosa contorna e o resto da rexión grazas aos Trens Turísticos de Galicia, ou mesmo a través das excursións que organizan diversas empresas de guías e viaxes organizadas con saída desde esta cidade.
· CURIOSIDADE:
Sabías que a colección de trens a escala Fernández Pachecho, situada no Centro Cultural Marcos Valcárcel, acolle unha réplica da locomotora dos Trens Turísticos de Galicia?