Sobreira do Loña
Luís Trabazos, s/n, 32004
Fermosa sobreira incluída no Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia.
A Sobreira do Loña, ou Sobreira das Lagoas, é unha das sobreiras máis fermosas de Galicia. Trátase dun exemplar illado que se sitúa nun pequeno espazo verde no barrio das Lagoas, xunto á igrexa de Santo Cristo, moi próximo ao campus universitario e á capela de Portovello.
Está incluída no Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia que elabora a Xunta de Galicia, inventario no que se integran as árbores e formacións arbóreas máis importantes da comunidade. Os exemplares deste catálogo son considerados como verdadeiras reliquias botánicas e gozan dunha protección especial debido ao seu carácter monumental e ás súas características biolóxicas, estéticas, históricas, culturais ou dendométricas.
Ademais de pola súa beleza, a Sobreira do Loña chama a atención polo seu groso fuste, cheo de verrugas, que se bifurca a case 3 metros de altura. As súas pólas configuran unha copa globosa de grandes dimensións que acada unha superficie de 551 metros cadrados. Rolda os tres séculos e posúe unha altura de 22 metros, así como unha circunferencia de tronco de 7,55 metros. O feito de estar nun parque público sen elementos que obstaculicen a súa visión contribúe a aumentar a espectacularidade desta sobreira.
A sobreira (Quercus suber L.) é unha árbore propia da rexión mediterránea, pouco habitual en Galicia; con todo pódese atopar con relativa frecuencia na contorna da cidade de Ourense, existindo bonitos bosques mixtos como o existente no conxunto histórico-natural de Santomé.
Nas inmediacións deste monumento natural atópanse outros destacados recursos naturais coma o parque do Campus Universitario, un auténtico xardín botánico da cidade, así como os carreiros peonís que transcorren polas beiras dos ríos Miño e Loña.
Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia. Xunta de Galicia (pdf, en galego)
Sendeiros xunto ao río, roteiros entre bosques, parques urbanos, miradoiros panorámicos …