Aquí atoparedes varias propostas de sendas para percorrer con calma e gozar do Ourense natural. Se o preferides, na cidade existen varias asociacións e grupos, como o da Universidade de Vigo, que organizan periodicamente saídas a pé ou en bicicleta.

De quererdes seguir explorando, na rede veredes multitude de roteiros alternativos para descubrir.

Paseo fluvial Loña – Santomé

Desde a Ponte Romana séguese o curso do Miño pola súa marxe esquerda, augas arriba, até chegar á desembocadura do Loña, onde nos desviamos para seguir a senda deste afluente. Ao chegar a Mende, xunto ao centro escolar, a ruta continúa por unha antiga calzada romana até o conxunto arqueolóxico-natural de Santomé, un fermoso enclave con impoñentes vistas sobre a cidade que conserva vestixios de arquitectura romana e castrexa.

Dificultade: fácil | Distancia: 9 km (circular) | Sinalizada: non

Ver en Google Maps

Paseos do río Miño

Desde a Ponte Romana tómase un paso inferior para seguir o curso do río augas arriba. Avanzamos primeiro até a pasarela do Loña (punto de ligazón coa ruta a Santomé) e continuamos até unha segunda que nos conecta coa beira oposta, en Oira, onde se atopa o complexo polideportivo e a Aula da Natureza. Continuamos o roteiro pola beira norte vendo todas as pontes históricas sobre o Miño até conectar co paseo termal. Ao chegar a Outariz, cruzamos a pasarela para facer o camiño de volta polo Paseo das Ninfas e a zona de Reza.

Ao longo do percorrido atoparemos zonas de xogos e espazos para o exercicio físico (máquinas para calistenia) e poderemos facer parada nas zonas termais para gozar dun baño.

Dificultade: fácil | Distancia: 12,7 km | Ruta: Circular | Sinalizada: non

Ver en Google Maps

Paseo fluvial do Barbaña

A ruta comeza en Ponte Lebrón, xunto ao Pavillón Polideportivo dos Remedios, seguindo o curso deste afluente do Miño que atravesa Ourense de norte a sur. No seu primeiro tramo urbano a ruta acaba na Molinera, un centro cidadán de novas tecnoloxías que antigamente foi muíño e fábrica de luz, e que conserva a súa cheminea orixinal. Nese punto o camiño bifúrcase, sendo posible continuar polo río Barbaña até Expourense, regresando pola outra beira, ou ben seguir polo Río dos Muíños (coñecido tamén como Barbañica) até chegar ao límite co municipio de Barbadás. En ambos os casos, o camiño de volta pode facerse pola outra beira.

Dificultade: fácil | Distancia: 10 km | Ruta: Circular | Sinalizada: non

Ver en Google Maps

Sendeiro Periurbano de Ourense

Tomando unha vez máis como referencia a Ponte Romana, é posible realizar unha ruta circular polo cinto verde que rodea a cidade, gozando da natureza e descubrindo pequenos núcleos onde aínda é posible testemuñar a arquitectura tradicional do rural galego.

Dificultade: media | Distancia: 27 km | Ruta: Circular | Sinalizada: parcialmente

Ler máis

Camiño Mozárabe – De Ourense a Cea

Unha vez cruzada a Ponte Romana, o peregrino ten dúas opcións para continuar o Camiño a Santiago, que constitúen á súa vez dous bonitos paseos para realizar de forma independente. Cara ao leste, continúase pola Avenida de Santiago até tomar un antigo camiño real que nos leva até a aldea de Cudeiro, onde non deberiamos deixar de visitar a súa igrexa de San Pedro.

A variante oeste segue a N-120 en dirección a Vigo, e á altura do núcleo de Quintela desvíase por Canedo, unha costa intensa que nos recompensa coas bonitas paisaxes da zona de Beiro, onde atopamos tamén a interesante igrexa románica de Santa Baia (ou Santa Eulalia). Tamén é posible evitar a estrada continuando, desde a Ponte, polo Paseo Termal. Ao chegar a Muíño dá Veiga volveriamos polo aparcadoiro á N-120 e enlazariamos con Quintela.

Ambos os trazados únense no sitio de Casas Novas, un pouco antes de Cea. Nesta localidade, ademais de gozar do seu famosísimo pan, podemos coller un autobús de regreso a Ourense. Ao longo do camiño podemos guiarnos polas tradicionais frechas amarelas.

· Variante de Cudeiro: Dificultade: media | Distancia: 21 km | Sinalizada: sí
Ver en Google Maps Descargar KML

· Variante de Canedo: Dificultade: media | Distancia: 22 km | Sinalizada: sí
Ver en Google Maps Descargar KML

Camiño Mozárabe – Entrada a Ourense

A última etapa do Camiño Mozárabe-Vía da Prata de chegada a Ourense ofrece un interesante percorrido ideal para cubrir nun día ou partir en varias xornadas. É posible percorrer dúas variantes, desde Allariz e desde Xunqueira de Ambía, ambas as localidades de gran beleza. Únense á altura de Pereiras, para entrar na cidade como un único camiño.

A nosa recomendación é tomar un autobús até estes puntos (consultar horario), e seguir a sinalización habilitada (frechas amarelas), aínda que tamén pode facerse á inversa, saíndo da cidade pola Avenida de Zamora e despois Seixalbo, onde debería facerse un alto na capela de Santa Águeda e gozar das vistas.

· Variante de Allariz: Dificultade: media | Distancia: 22 km | Sinalizada: sí
Ver en Google Maps Descargar KML

· Variante de Xunqueira de Ambía: Dificultade: media | Distancia: 22 km | Sinalizada: sí
Ver en Google Maps Descargar KML