Destacados de Novembro

A axenda coas principais actividades culturais e eventos de Ourense en novembro.

Cada ano o outono trae numerosas actividades á cidade de Ourense, que sumadas ás súas propostas turísticas tradicionais (benestar, gastronomía, cultura, comercio…) convértena no destino ideal para visitar durante esta época do ano.

A continuación, algunhas das actividades que poderás atopar en Ourense este mes de novembro:

Cata a Arte

Xoves de novembro
Cada xoves de novembro o Centro Cultural Marcos Valcárcel acolle presentacións e degustacións dunha adega da Denominación de Orixe Ribeiro, amenizadas por unha actividade cultural (poesía, música ou maxia). Máis información e inscricións: Centro Cultural Marcos Valcárcel

Xantar – Salón Internacional de Turismo Gastronómico

2-5 novembro
Con 24 edicións, Xantar é a feira culinaria por excelencia de Galicia, e a única feira de turismo gastronómico acreditada da Península Ibérica. Conformada por múltiples propostas nacionais e internacionais, inclúe degustacións, showcookings, menús especiais, formación e outras actividades que poderás consultar na súa web: xantar.org

Jazz no Latino

Novembro
O Café Latino mantén a súa programación de concertos de jazz ao longo deste mes. Será o turno do guitarrista estadounidense Mike Stern (días 6 e 7), a saxofonista Camille Thurman (día 13) e o baixo Kin García (día 23). Máis información na súa páxina web.

Concertos Aniversario do Café Torgal

Novembro-Decembro
Novembro-Decembro
Debido á calidade das súas propostas o Café Torgal converteuse nun dos establecementos culturais de referencia na cidade de Ourense. Durante os meses de novembro e decembro celebra o seu vixésimo aniversario cunha completa axenda de concertos. Máis información na súa páxina web.

Magosto

11 de novembro
Festa de Interese Turístico de Galicia, trátase dunha celebración de orixe pagá que honraba a chegada das colleitas do outono. Durante o mes de novembro, e en especial o día 11 (día de San Martiño, patrón da cidade), os montes próximos a Ourense énchense de fogueiras ao redor das que se goza das castañas asadas, chourizos e viño novo. Consulta o programa completo nesta ligazón.

Feira da Chinita

12 de novembro
Os amantes da cultura e a gastronomía venezolana teñen unha cita en Ourense coa Feira da Chinita. Este evento, de acceso gratuíto, terá lugar no Campo da Feira o domingo 12 de novembro a partir das 12 h. Os asistentes poderán degustar comida típica venezolana e gozar dun amplo abano de actividades que inclúen música en vivo, DJs. comercio e actividades para nenos.

Carreira de San Martiño

12 de novembro
Esta carreira pedestre popular, a máis antiga de Galicia, celebra este ano a súa 45ª edición. Como cada ano o seu percorrido de 10 quilómetros transcorre por lugares tan emblemáticos da cidade como a Ponte Romana, a Ponte do Milenio ou a Praza Maior. Inscricións e máis información nesta ligazón.

Tempo de termas

Todo o ano
Calquera época do ano é boa para visitar as termas de Ourense, pero o clima outnaal é especialmente idóneo para gozar dunha auténtica experiencia termal. Información sobre as Termas de Ourense