Magostos 2023

Programa de actividades do Magosto 2023, organizado polo Concello de Ourense.

O Magosto é unha celebración de orixe pagá que honraba a chegada das colleitas do outono. Unha tradición que en Ourense arraigou profundamente, converténdose nunha das celebracións máis senlleiras da cidade, até o punto de ser declarada Festa de Interese Turístico de Galicia en 2008.

Durante o mes de novembro, e en especial o día 11 (día de San Martiño, patrón da cidade), os montes próximos énchense de fogueiras ao redor das que reunirse con familia e amigos para festexar un Magosto. Calquera escusa é boa para saír ao campo, montar unha cacharela, saltar o lume para atraer a boa sorte e gozar dos produtos de tempada, en especial chourizos, viño novo, licores e, sobre todo, castañas.

Para aqueles que non queiran desprazarse e prefiran celebrar o Magosto sen saír da cidade, son moitas as opcións que veñen da man de asociacións e entidades culturais. Con todo, talvez o Magosto máis importante é o que organiza o Concello de Ourense, e que en 2023 estará composto por diferentes actividades que terán lugar polas rúas da cidade e en especial na Praza Maior e a Praza de Santa Eufemia, onde terá lugar o Magosto tradicional. Haberá castañas gratuítas para todos os asistentes, e bolos preñados, auga ou viño a prezos populares.

PROGRAMA MAGOSTO. CONCELLO DE OURENSE.

Sábado, 11 de novembro:

· 12.00 h Ruada de gaiteiros con xigantes e cabezudos

· 18.00 h Magosto tradicional, na Praza Maior e Praza de Santa Eufemia

· 18.15 h Ruada de gaiteiros con xigantes e cabezudos

· 19.00 a 20.30 h Concerto de Brañas Folk cos convidados: Vanesa Muela y Manuel Souto, na Praza Maior

· 20:00 a 23:00 h Baile coa orquestra “La Misión”, na rúa do Progreso

· 23:00 a 02:00 h Sesión DJ na Praza de Santa Eufemia

Domingo, 12 de novembro:

· 19.00 h Concerto do barítono Mykyta Burtsev e pianista, no Liceo de Ourense

Coincidindo con estas datas tamén se celebra un dos eventos deportivos máis importantes da cidade, a carreira popular de San Martiño, que este ano terá lugar o domingo 12 de novembro. Consulta este e outros eventos destacados no mes de novembro nesta ligazón.