Entroido en Ourense
Na rúa, ao ritmo da música e sempre con bo humor: o Entroido en Ourense vívese intensamente. Do 28 de febreiro ao 6 de marzo enfúndate no teu disfrace e ven gozalo.
O Entroido en Ourense é unha festa para tomarse en serio. Poucas tradicións hai coas que a cidade se envorque máis que co Entroido, unha celebración que se estende durante varios días pola cidade e nas que ninguén, veciños ou visitantes, sae á rúa sen un disfrace, unha máscara ou un sorriso: «faísca» e «retranca» en estado puro.
As celebracións na capital arrincan xa o Xoves de Comadres (28 de febreiro), unha noite tradicionalmente reservada ás mulleres pero que este ano marca o disparo de saída do Entroido. O actor Xosé Antonio Touriñán (Paquito Charlín en Fariña) será o encargado de dar o tradicional pregón de apertura, ao que sucederán o baile até a madrugada na Praza Maior e DJs na Praza do Correxidor.
A partir do venres e até o Martes de Entroido (5 de marzo, festivo local) sucederanse 5 días de festa ininterrompida nos que non faltarán disfraces e máscaras e a música de charangas polas rúas. O día 6, Mércores de Cinza, a festa despídese co Enterro da Sardiña, cando unha peculiar procesión de plañideiras acompaña, de rigoroso loito, a esta figura de papel até a súa queima na Praza Maior.
Descarga o avance de programa para este Entroido 2019 Descarga
Entroido nos barrios
Aínda que gran parte da animación se concentra nas rúas do Centro Histórico, algúns barrios de Ourense contan con tradicións propias que contribúen a dar cor e orixinalidade ao Entroido ourensán. Na Ponte, na beira norte do Miño, a festa está moi marcada polas enchentas dos confrades de Frei Canedo, mentres que Seixalbo e As Eiroás contan con personaxes propios: os mecos Paquita e Nicanor, que saen en procesión antes da súa queima, e a máscara da Pita en Eiroás, adornada con fitas de cores. Nestes núcleos as celebracións adiántanse ao 24 de febreiro, «Domingo Oleiro», cando se celebra o tradicional xogo das olas.
Gastronomía de Entroido
Unha tradición da que poucos prescinden estes días é a de reunirse para degustar o cocido de Entroido, unha preparación a base de carnes de porco (salgadas e ao natural) e verduras de tempada (especialmente os deliciosos grelos). As longas sobremesas que adoitan sucedelos acompáñasse con doces típicos da festa, como as orellas, unha masa fina de trigo fritida xa aderezada con finísimo azucre, e as canas de masa follada enchidas de crema pasteleira.