Festas de Ourense 2016

Do 25 de xuño ao 3 de xullo Ourense celebra as súas festas maiores: 8 días de intensa programación nos que a cidade se viste de gala. Xoel López, Ariel Rot, Coque Malla, Duncan Dhu, Auryn ou os emblemáticos Fórmula V, entre as primeiras confirmacións do cartel musical.

Ourense celebrará as súas festas do 25 de xuño ao 3 de xullo de 2016. Á espera de coñecer os últimos detalles do programa, que será intenso, adiantámosvos algunhas das claves dos festexos para que vaiades facendo oco nas vosas axendas. Este ano o pop español e as bandas locais coparán os escenarios musicais, reforzaranse as actividades infantís, apostarase pola animación nas rúas e felizmente recuperaremos unha das tradicións festivas máis antigas da cidade, a Batalla de Flores.

O pistoletazo de saída terá lugar o día 25 cun espectáculo de luz e son na Praza Maior dedicado á cidade de Ourense, seguido do tradicional pregón inaugural, que este ano realizará o presidente do Comité Olímpico Español, o judoka ourensán Alejandro Blanco.

Concertos, concertos e máis concertos

Xoel López e a súa banda, Delafé, Coque Malla, Ariel Rot, Sés, Duncan Dhu, Auryn e The Furious Monkey House son algúns dos nomes que soan no cartel musical destas Festas de Ourense 2016. Sumáronse tamén os emblemáticos Fórmula V (28 de xuño), autores dalgúns dos grandes clásicos do pop español dos anos 60 e 70, que encandearán aos máis nostálxicos facendo soar o seu Eva María na Praza Maior. O programa fai un oco destacado tamén ao mellor talento local, coa presenza de artistas como María do Ceo, The Teta’s Van, Priscila ou o guitarrista M-Carballo.

Todos os concertos gratuítos celebraranse na Praza Maior a partir das 22.30 h (agás The Furious Monkey House, que será ás 21.30 h), mentres que o Xardín do Posío acollerá os de pago, á mesma hora e cun prezo fixo de 5 € e 7 € para as entradas anticipadas e en despacho de billetes, respectivamente.

Unha das noites máis longas será o 2 de xullo, coa celebración da 9ª edición do Ourense Dance, que un ano máis repite a súa colaboración solidaria coa asociación xuvenil Amencer. A entrada será unha lata de conservas. Un día antes, o 1, os xardíns do Centro de Interpretación das Burgas acollen a segunda edición do Enofestival Ourense, un evento onde a boa música en directo marida con viños do catro denominacións de orixe da provincia de forma singular. The Phantom Keys, Bestlife (underyourseat) e Best Boy ocuparán o escenario dun concerto diferente para acompañar cunha copa de viño. Haberá tamén barra de tapas e petiscos para completar este menú enomusical no que participan adegas de todo Ourense.

Actividades infantís

No programa destas Festas de Ourense 2016 os máis pequenos da casa teñen un protagonismo particular. Reforzáronse as actividades infantís respecto doutras edicións, programando lecer para toda a familia. Haberá moito teatro nas rúas, concertos infantís e mesmo un espazo reservado para un público moi especial, os bebés, cunha instalación de estimulación sensorial inspirada no mundo do circo e as abellas. As sesións vermú dos días 2 e 3 contarán tamén con talleres infantís.

Tras anos sen celebrarse, a cidade recupera un dos seus eventos infantís máis emblemáticos: o desfile da Batalla de Flores. Terá lugar o 2 de xullo cun percorrido polas rúas do centro, a partir das 9.00 h, que culminará na Praza Maior. «Cervatos», «Verme de seda»,«Poboado de gnomos», «Flamingo», «Bolboretas», «Xardín tropical» e «Arco da vella floral» son os nomes das carrozas que participarán nesta festa da natureza, un verdadeiro espectáculo multicolor cuxo protagonista será a infancia.

O Río dA Vida

Domingo 26, luns 27, sábado 2 e domingo 3
Unha feira cultural para as nenas e nenos que se acheguen aos Xardíns do Padre Feijóo a descubrir o Ourense de principios do século XX: teatro, obradoiros, cinema mudo con animación musical, concertos e moitas sorpresas.

Teatro de rúa

Do martes 28 ao venres 1
As rúas de Ourense convértense nun gran escenario para goce de pequenos e grandes: acrobacias aéreas, música, diversión e moitas risas.

Apicirc: espazo para bebés

Do mércores 29 ao venres 1
Unha instalación nos Xardíns de Bispo Cesáreo especialmente pensada para os bebés; un mundo inspirado no circo e as abellas que estimulará os seus sentidos.

A Gramola Gominola

Domingo 3 ás 20.00 h na Praza de San Martiño
Concerto infantil de música rock para pequenos e non tan pequenos.

The FurioUs Monkey House

Domingo 3 ás 21.30 h na Praza Maior
Concerto dunha das bandas revelación deste ano, un grupo de mozos e mozas de entre 9 e 14 anos que dominan o rock como ninguén.