Concello e Axencia de Turismo de Galicia asinan a cesión do futuro albergue de peregrinos na rúa da Barreira

Con esta infraestrutura Ourense quere afianzarse coma cidade amiga do peregrino.

A nova infraestrutura prevista, emprazada no corazón do Centro Histórico de Ourense, contará con 50 prazas, duchas, aseos, lavandaría e almacén para mochilas.

O futuro albergue de peregrinos vai camiño de ser pronto unha realidade. O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, e a directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro, asinaron xa a acta de cesión do edificio para que a Xunta de Galicia inicie as obras de construción desta nova infraestrutura «coa que Ourense quere consolidarse como cidade amiga do peregrino», segundo dixo Vázquez Abad.

O inmoble, no número 12 da rúa da Barreira, permitirá sumar 50 novas prazas á rede de albergues do Camiño de Santiago. Estará equipado con duchas, aseos, lavandaría e almacén de mochilas, ocupando un espazo privilexiado na cidade, a escasos metros das fontes termais das Burgas e no corazón do Centro Histórico; «un valor engadido para o turismo da cidade e unha forma inmellorable de colocar a nosa estrela dentro da Vía da Prata», en palabras do rexedor.

O investimento total rolda os 800.000 € por parte da Xunta de Galicia, quen será a encargada da xestión do albergue a través da Sociedade de Xestión do Xacobeo. Coa acta de entrega do inmoble preténdese reducir a burocracia entre administracións e axilizar así o comezo das obras de posta en funcionamento do albergue, que podería estar operativo para 2017.

O número de peregrinos que elixen esta vía vai progresivamente en aumento, e xa roza os 10.000 anuais; un incremento que se nota especialmente a nivel internacional: «Ourense non pode perder esta oportunidade: queremos promocionarnos turísticamente, porque temos potencial para iso. Que os visitantes que camiñan a Santiago coñezan Ourense, estean a gusto aquí e queiran volver outra vez», dixo o alcalde Jesús Vázquez.