Pola mañá

Para coñecer a esencia da gastronomía ourensá unha boa opción é visitar a Praza de Abastos, que alcanza o seu momento maior actividade nas primeiras horas do día. Ademais de pasear polo edificio nobre do mercado, é tamén interesante percorrer o labiríntico rianxo, no que se ofrecen produtos das hortas dos arredores.

Desde a Alameda, cuxos edificios nos trasladan a fins do século XIX e principios do XX, enlazamos coa rúa Lamas Carvajal, onde podemos parar no Liceo. Situado nun pazo do Renacemento, o seu patio de columnas convídanos a tomar un descanso. Unha vez aquí, podemos dedicar a mañá a visitar algún espazo expositivo. Empezamos polo Centro Cultural Marcos Valcárcel, en cuxo interior, ademais de exposicións temporais, atopamos unha interesante colección de trens a escala.

Para gozar de boa arte contemporánea non hai que perderse o Centro Cultural José Ángel Valente, con programación variable. Xa fóra do Centro Histórico, continuaremos até o campus universitario (non sen antes deternos nalgunha galería de arte de camiño), onde podemos gozar do talento de novos creadores na súa Sala Alterarte e tamén visitar un curioso museo dedicado á gaita. Nas inmediacións atópase a igrexa do Santo Cristo, onde veremos un singular exemplar de sobreira.

Pola tarde

Unha primeira escapada sería achegarnos á aldea de Seixalbo, declarada Núcleo Rural de Valor Histórico-Etnográfico, onde podemos combinar unha ruta monumental con algún paseo por uns diferentes espazos naturais.

De volta na cidade, subiremos até San Francisco. Se aínda non visitamos o Claustro é parada obrigatoria, pero logo poderemos deternos na sala anexa, onde se expoñen algúns dos fondos do Museo Arqueolóxico Provincial. Tamén están preto o cemiterio de San Francisco (á entrada un mapa indícanos a situación dos ilustres personaxes enterrados nel), o Auditorio Municipal (cunha ampla oferta cultural, ademais de ser un interesante edificio contemporáneo) ou o parque ferroviario de Carrileiros (onde un pode volver sentirse neno subíndose a un tren).

Desde aquí poderiamos ascender até Montealegre, aínda que neste caso recomendamos que usen o coche para acceder a el. Ademais de gozar da vexetación autóctona e as exóticas especies dun espazo que está a se configurar como xardín botánico de Ourense, poderemos achegarnos até o seu miradoiro para contemplar unha das mellores vistas de toda a cidade.

Regresando ao centro, un baño nas Burgas podería ser un perfecto fin de día.