Parque do Campus Universitario

Campus de Ourense, 32004

A gran diversidade de exemplares arbóreos, así como o seu enfoque divulgativo, converteron ao Campus Universitario de Ourense nun auténtico xardín botánico.

A zona universitaria de Ourense acolle un dos espazos verdes máis senlleiros da cidade. Este parque, que se estende tanto polo campus norte como polo campus sur, converteuse nun dos máis emblemáticos de Ourense grazas á súa diversidade botánica, así como a outros elementos de índole cultural e educativa.

Cada zona ten a súa personalidade: mentres o campus norte está caracterizado por edificios históricos e árbores de gran porte, o campus sur distínguese polas súas construcións máis modernas e o uso de praderías ornamentais.

Campus Norte: o Antigo Hospital Provincial

O Campus Norte sitúase no recinto do que fora o hospital provincial. As singulares construcións sanitarias, que datan de principios do século XX, hoxe acollen outros usos e altérnanse con edificacións máis recentes.

Aquí atópanse as árbores máis antigas e de maior porte do recinto. Algúns exemplares, que se remontan aos comezos do antigo hospital, roldan o cento de anos. Talvez o mellor exemplo son os piñeiros de Oregón, que acadan os 40 metros de altura. Tamén desta época son os bananeiros, a especie máis numerosa deste parque.

Xunto coas árbores centenarias, destaca a presenza das catro especies de cedros recoñecidas: un caso excepcional a nivel peninsular.

Os exemplares veteranos conviven con novas plantacións que diversifican a riqueza natural deste espazo. Destaca a presenza do catro especies de cedros recoñecidas: o do Atlas (Cedrus altantica), do Himalaya (Cedrus deodara), do Líbano (Cedrus libani) e de Chipre (Cedrus brevifolia). A existencia das catro especies de cedros nun mesmo espazo é un caso excepcional a nivel peninsular. Tamén existen exemplares tan emblemáticos coma a Sequoiadendron giganteum ou o Ginkgo biloba, así como especies de tan vistosas como, por exemplo, os pradairos, as araucarias e os liquidámbares.

A parte baixa ocúpaa un estanque artificial, habitado por diversos anfibios e aves, coma os simpáticos parrulos do tipo ánade real, que fan as delicias dos máis cativos.

Campus Sur: a zona máis moderna

A zona sur, tamén denominada como Campus Auga, sitúase nun espazo máis amplo, dominado por praderías ornamentais creadas con herbas autóctonas que son capaces de soportar mellor o tránsito de xente. Tamén existe un gran número de especies arbóreas aínda que son de plantación máis recente. Na parte superior chama a atención a barreira verde composta por loureiros, érbedos e árbores frondosas. A parte central está presidida por unha enorme escultura, dedicada á Xeración Nós, que se compón dun gran monólito granítico atravesado por pezas metálicas.

Recursos didácticos

O campus universitario converteuse nun auténtico xardín botánico no que se conxugan especies autóctonas con exemplares máis exóticos. Para favorecer o seu coñecemento, a Universidade de Vigo puxo a disposición dos máis interesados placas informativas sobre moitas das súas árbores (descargar fichas), así como un mapa dixital cos nomes e localizacións de todas as árbores existentes, que se pode consultar nesta ligazón.

Tamén publicaron unha guía dixital con información detallada sobre as árbores deste espazo que se pode descargar nesta ligazón (en galego). Ademais, na contorna do estanque existen varias placas informativas sobre a súa fauna e flora.

O Campus de Ourense creou un mapa dixital con información de todos os exemplares arbóreos deste espazo.

Espazo cultural

Ademais do seu indubidable interese natural, o campus destaca tamén polo seu valor cultural, non só desde o punto de vista educativo senón tamén artístico. Por unha banda existen diferentes obras artísticas repartidas por este espazo, especialmente esculturas. Xunto coa mencionada homenaxe á Xeración Nós do campus sur, atópanse propostas tan senlleiras coma o Camiño da Igualdade (tributo a mulleres que destacaron en diferentes campos da historia da humanidade); o Moucho da Sabedoría, escultura de Eugenio Linares realizada no tronco morto dun cedro sobre o que se tallou un moucho sobre unha pía de libros, ou os xigantescos mosquitos succionado libros da Biblioteca Rosalía de Castro.

Este recinto dispón de dúas salas de exposicións, por unha banda a Sala Alterarte que acolle mostras temporais da arte máis novidosa, así como o Museo da Cornamusa, situado no edificio da Real Escola de Gaitas, que alberga unha colección de gaitas procedentes de todo o mundo. Moi preto do campus, na rúa Benito Vicetto, atópase a galeria Marisa Marimón, unha das máis emblemáticas da cidade.

Nas inmediacións

Próximos ao recinto universitario atópanse dous elementos de destacado valor natural como son a Sobreira da Loña, unha formidable sobreira que forma parte do Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia, e o conxunto arqueolóxico-natural de Santomé, ao que se pode acceder por un bonito carreiro que transcorre polo río Loña.