5 excusas para visitar Ourense esta primavera

O cambio de estación encheu de vida as rúas e a axenda de actividades para todos os gustos: teatro, concurso de pinchos, feira cultural, noite do comercio e, como colofón, a festa dos Maios, onde a natureza tomas a cidade. Buscades unha escusa para visitarnos? Aquí tedes unhas cantas!

1. Gozar do mellor teatro universitario

Entre o 20 de abril e o 6 de maio a MITEU volve á cidade con 30 propostas escénicas onde teatro, música, circo ou danza danse a man. Teatro novo e compañías consolidadas, humor e reflexión, canto e movemento… todo e máis cabe na Mostra de Teatro Universitario de Ourense, unha cita que, con máis de dúas décadas de traxectoria ás súas costas, converteuse xa nun clásico de primavera.

+ info en http://www.miteu.es

PISTA: Pablo Carbonell e Albert Pla son algúns dos nomes desta MITEU 2017.

2. Saborear os nosos petiscos de primavera

O cambio de estación revoluciona as cociñas da cidade, que xa se preparan para a edición do Concurso de Pinchos «Sabores de Ourense» na súa versión primavera. Do 27 de abril ao 7 de maio, máis de 40 establecementos participan con estas pequenas delicias elaboradas con produtos de tempada e de produción integrada. Fai o teu mapa da ruta e elixe os teus locais preferidos, proba, saborea, e non esquezas votar polo que máis che guste.

+ info en http://saboresdeourense.www.turismodeourense.gal

PISTA: Lembra que o teu voto pode ter premio. En cada local daranche unha papeleta que deberás selar en 3 establecementos diferentes, aínda que tamén poderás facelo desde o teu teléfono.

3. Descubrir o último en industrias culturais

Elsa Punset, Javier Rioyo (Instituto Cervantes), Carlos Jean ou El Langui son algúns dos protagonistas da ICC WEEK 2017, o Marco das Industrias Creativas e Culturais que converte Ourense por uns días nun foco de actividade creadora, innovación e inspiración. O seu programa de speedmeetings, charlas, conferencias e entrevistas ao redor de sectores como o audiovisual, a música, a gastronomía ou a xestión cultural desenvolverase entre os días 2 e 7 de maio en distintos puntos da cidade e provincia. Un punto de encontro para empredendores, persoas creativas e xente inquieta.

+ info en http://ourenseiccweek.com/

PISTA: A ICC tamén é música en directo, con concertos de DePedro, Micah P. Hinson e Juan Magán.

4. Ir de tendas ata a madrugada

O venres 5 de maio a xornada de compras prolóngase coa Shopping Night Ourense Centro, unha auténtica festa da moda que durará ata as 00:00. Os establecementos das principais rúas comerciais do Ensanche (Santo Domingo, Paz, Paseo…) sacan a alfombra vermella nunha noite de maxia e diversión aderezada con música en directo, degustacións e cócteles, baile, desfiles e moitas outras sorpresas.

+ info en http://www.shoppingnightourensecentro.com/

PISTA: Haberá descontos e promocións especiais na maioría de establecementos participantes. Ollo que o domingo 7 é o Día da Nai…

5. Sentir a primavera ao redor dun Maio

O primeiro domingo de maio Ourense celebra a súa festa dos Maios, declarada de Interese Turístico en Galicia. Estas esculturas vexetais realizadas a man con brión, flores e carrabouxos son o testemuño de antigos ritos de celebración da primavera. En Ourense o maio acompáñase, desde hai séculos, do canto das coplas, versos cargados de humor e ironía sobre a actualidade política e social.

PISTA: Ver a rúa do Paseo convertida en todo un bosque de maios xa xustifica a visita, pero tamén é posible escoitar música tradicional en directo ou mesmo aprender a construír un maio coas nosas propias mans.

E tampouco vos perdades…

  • XXI Festival de Jazz de Primavera: Outro clásico desta tempada que volve á cidade. Do 23 de abril ao 24 de maio, non vos perdades este ciclo de concertos que reúne algúns dos mellores artistas da escena jazz internacional no Café Latino + info e programa en http://www.cafelatino.es/
  • XXI Feira de Artesanía de Ourense: Unha oportunidade ideal para atopar pezas únicas, feitas a man, con agarimo, mestría e moito oficio. Case 30 expositores daranse cita nos xardíns de Bispo Cesáreo do 29 de abril ao 7 de maio. + info en http://www.adao.es
  • XIV Reunión de trens Carrileiros – Foula: os apaixonados do mundo de ferrocarril teñen unha cita obrigada en Ourense o 30 de abril no Parque Carrileiros - Foula. Unha xornada enchida de trens a toda escala e con actividades abertas ao público, para o goce de peques e maiores. + info en http://www.carrileiros.com/
  • Mercadillo de antigüidades: Como cada primeiro domingo de mes, a Praza Maior transfórmase nun rastro con cheiro a vello que namorará a curiosos e nostálxicos: mobles, cerámica, filatelia, numismática… Será o día 7, coincidindo cos Maios.