Actividades do Día da Agua
O Concello de Ourense, a través da Concellería de Termalismo, organiza un completo programa de actividades con motivo do Día Mundial da Auga.
“Augas subterráneas: facer visible o invisible”. Este é o lema elixido para o Día Mundial da Auga deste ano, que se celebra o 22 de marzo.
Por este motivo, e en coordinación coa EHTTA, a Asociación Europea de Cidades Históricas Termais á que pertence Ourense como socio fundador, desde a Concellería de Termalismo programáronse actividades para todas as idades para conmemorar este día, pondo así en valor a cooperación constante que existe con este organismo europeo. Ademais, as actividades programadas pretenden tamén pór o foco na importancia de preservar e coidar as nosas augas subterráneas, que en Ourense teñen un marcado carácter termal e son o gran sinal de identidade da cidade.
Visitas guiadas sobre a temática da auga e a riqueza termal da cidade, así como ioga no espazo termal en Outariz, centran as actividades, coordinadas coa EHTTA.
Así, ofrecerase ioga termal en Outariz os días 20, 21 e 22 de marzo, para maiores de 12 anos, con dous grupos cada día (o domingo, ás 11 h e 12 h; o luns ás 11 h e ás 17 h; e o martes ás 17 h e 18 h. As prazas están limitadas e pódense reservar no teléfono 693642837. É necesario levar bañador, chanclas e toalla.
O propio Día da Auga, o martes 22, haberá 3 visitas guiadas pola contorna das Burgas sobre a temática da auga, dúas delas para escolares (para os colexios Luís Vives ás 10 h e Amadeo Barroso ás 11:30 h), e a terceira para o público en xeral, a partir das 18 h con saída desde a Oficina Municipal de Turismo. Para esta última pódense reservar prazas no teléfono 988366064.
O Día Mundial da Auga é un día oficial das Nacións Unidas celebrado cada ano desde 1993 para destacar a importancia da auga. O seu propósito fundamental é render homenaxe a este recurso e concienciar sobre os 2.000 millóns de persoas que carecen de acceso á auga potable. Ademais, propicia a adopción de medidas para afrontar a crise mundial da auga. Un dos obxectivos principais do Día Mundial da Auga consiste, precisamente, en apoiar a consecución do Obxectivo de Desenvolvemento Sustentable (ODS) 6: auga e saneamento para todos, de aquí a 2030.