Andainas saudables por Ourense

Andainas guiadas para descubrir Ourense á vez que coidamos da nosa saúde.

Desde Turismo de Ourense colaboramos co Centro Médico El Carmen no lanzamento do programa Andainas Saudables: percorridos guiados por distintas rutas na cidade (e tamén da contorna) que combinan os hábitos de vida saudable -camiñar é un dos exercicios máis recomendados polos profesionais sanitarios- coa descuberta de espazos e elementos emblemáticos do patrimonio ourensán.

As andainas serán conducidas por guías turísticos profesionais e contarán ademais con acompañamento dun nutricionista que ofrecerá, ao inicio da actividade, uns breves consellos de alimentación saudable vinculada ao exercicio físico.

A participación nestas andainas é gratuíta e está aberta a todo tipo de público. Prazas limitadas.

Ourense Monumental

Sabado 25 maio – 10.00 h

A andaina propón un percorrido de 3 horas pola historia de Ourense comezado, como non, no lugar onde naceu: as fontes termais das Burgas. Durante a actividade pasearemos polos recunchos máis emblemáticos da zona monumental mentres descubrimos a longa historia da cidade desde o seu pasado romano até o esplendor do século XIX, cando se superan os límites da améndoa medieval e xorde a urbe moderna.

Ruta da Esmorga

Sabado 22 xuño – 10.00 h

A novela de Eduardo Blanco Amor, cumio da literatura galega,é un percorrido nocturno polo Ourense de principios do século XX da man dos seus tres protagonistas: O Cibrán, O Bocas e O Milhomes. Neste roteiro de 3 horas seguimos os seus pasos pola Auria que narrou Blanco Amor: rúas e recunchos moitas veces ocultos aos ollos de turistas e mesmo locais.

  • Punto de encontro: Delegación de Sanidade – Avenida de Zamora, 13

As inscricións realizaránse a través do correo electrónico comunicacion@centromedicoelcarmen.es ou no teléfono 658 289 811