Concurso de Pinchos de Primavera 2023

Dende o 21 de abril ao 1 de maio a cidade de Ourense acollerá a sétima edición do Concurso Sabores de Ourense – Pinchos de Primavera, no cal participarán 50 locais repartidos por toda a cidade.

Veciños da cidade e visitantes converteranse en críticos gastronómicos e poderán escoller o seu pincho favorito, optando a diversos agasallos que inclúen vales de compra, lotes de produtos ou estancias nun hotel. A temática dos pinchos é libre e os prezos destas elaboracións gastronómicas oscilan entre 2’50 e 3’50 euros. Para poder participar no concurso, deberase degustar polo menos catro pinchos diferentes, e tras selar a papeleta, que proporcionarán os locais participantes, votar a elaboración culinaria preferida. O establecemento que máis votos obteña, recibirá o Premio do Público.

Ademais do público xeral, os pinchos tamén serán avaliados por un xurado profesional conformado por membros do sector da hostalaría e a gastronomía. Neste caso, tras probar todas as creacións, o xurado profesional escollerá as oito elaboracións máis destacadas.

Posteriormente, os establecementos finalistas terán que realizar as súas elaboracións en directo nunha gala especial que se celebrará o día 8 de maio no Centro Comercial Ponte Vella.

Ao igual que en edicións anteriores, tamén haberá un premio especial para o pincho celíaco, de feito, máis do 20% dos 50 establecementos participantes ofrecerán elaboracións aptas para celíacos.

O medio centenar de locais participantes repártense por toda a cidade, destacando a zona histórica, onde se concentra a maior parte dos participantes. Así mesmo, tamén se poderán degustar os pinchos en establecementos do centro da cidade, a zona da universidade e a residencia e nos barrios de San Francisco, O Couto e A Ponte.

Esta actividade está organizada pola Unión de Hostaleiros de Ourense (UHO) e o Concello de Ourense, e conta ademais co patrocinio da Denominación de Orixe do Viño Ribeiro, Estrella Galicia, Aceites Abril e os supermercados do Grupo Cuevas, Plenus e Aquí.

Descarga o folleto explicativo (pdf 4,5 Mb)

Máis información na web Sabores de Ourense