Descobre Ourense en tren
Ben sexa a bordo dun dos Trens Turísticos con parada na cidade ou aproveitando os descontos e a comodidade do Galicia Rail Pass, este verán telo moi fácil para descubrir Ourense e #DeXconectar
Este verán Ourense volve estar presente no programa de Trens Turísticos da Axencia de Turismo de Galicia: unha exitosa iniciativa cun conxunto de itinerarios que combinan desprazamentos en tren con excursións e visitas guiadas a un prezo pechado.
Nesta edición o programa incorpora a ruta Ourense Termal e Versalles Galego, un tren que parte de Santiago de Compostela para chegar até Ourense, a cidade das Burgas. De camiño os participantes visitarán os xardíns do barroco Pazo de Oca, coñecido coma o “Versalles galego”. En Ourense haberá unha visita ás Termas de Outariz, unha inmellorable oportunidade de gozar e aproveitar as bondades das súas augas termais. A viaxe finaliza cun paseo polas animadas rúas do centro histórico, incluíndo unha visita á Catedral Basílica de San Martiño e o seu fermoso Pórtico do Paraíso.
O programa inclúe traslados gratuítos desde Vigo e A Coruña até a estación de Santiago, así como o acompañamento dun guía especializado todo o traxecto. As saídas do tren “Ourense Termal e Versalles Galego” están previstas os días 6 e 26 de outubro.
Outras rutas desde Ourense
Ademais da ruta dedicada á cidade, esta edición inclúe outros itinerarios con saída e chegada a Ourense. Trátase dunha oportunidade perfecta para combinar, nunha fin de semana ou escapada curta, unha visita á Capital Termal de Galicia e os seus arredores: os canóns do Miño e o Sil, as paisaxes do viño, as grandes xoias da arte románica galega…
- Ruta do Viño da Ribeira Sacra (río Sil): máis información e datas en turismo.gal
- Ruta do Viño da Ribeira Sacra (río Miño): máis información e datas en turismo.gal
- Rutados Viños da Ribeira Sacra e Valdeorras: máis información e datas en turismo.gal
- Ruta do Viño de Monterrei: máis información e datas en turismo.gal
- Ruta do Viño do Ribeiro e Rías Baixas: máis información e datas en turismo.gal
Galician Rail Pass
Se prefires fuxir de rutas predeseñadas e viaxar ao teu aire, entón a túa mellor opción é o Galician Rail Pass, un produto deseñado en colaboración con RENFE que ofrece viaxes ilimitadas durante tres días en Galicia por tan só 15 € (3 € infantil). O bono é válido para os meses de verán (do 1 de xuño ao 30 de setembro) e as fins de semana (V-S-D) de todo o ano.
Ademais do aforro que supón esta tarifa plana, a compra do Galicia Rail Pass permite gozar de interesantes descontos nos distintos destinos. Así, os viaxeiros que se acheguen a Ourense obterán un 50% de desconto en Termas de Outariz, onde relaxarse cun pracenteiro baño na beira do río Miño.
Guía Galicia Rail Pass
Tanto o billete de Trens Turísticos coma o Galicia Pail Pass poden adquirirse en calquera billeteira de RENFE, así como na súa web