Festas de Ourense 2017
Do 24 de xuño ao 2 de xullo Ourense celebra as súas Festas Grandes. 9 días nos que a cidade soborda vida polos catros custados: animación de rúa, actividades infantís, teatro, danza e música, moita música. Sweet California, Iván Ferreiro ou Burning son algúns dos nomes que soarán estes días na cidade das augas. Ide facendo un oco nas vosas axendas.
21 concertos en nada menos que 9 días. As Festas Grandes de Ourense pisan forte este ano, cun apertadísimo cartel onde a música será a raíña absoluta, cunha ampla oferta de concertos nos que as bandas locais convivirán con grupos consagrados do panorama nacional e internacional. As celebracións inícianse o día 24, cun pregón inaugural a cargo do actor ourensán Sergio Pazos. Musicalmente, o disparo de saída darao outro galego, o artista Iván Ferreiro, que estará a actuar na Praza Maior.
Este espazo central en Ourense será tamén o corazón das festas, concentrando boa parte dos concertos previstos, todos eles gratuítos fóra da actuación da banda Sweet California (domingo 30 – Xardín do Posío). Burning, Los Diablos, Carlos Jean, Caxade ou León Benavente son algúns dos nomes que completan o cartel musical destas festas. O día 1, ademais, volve unha nova edición do Enofestival Ourense, un evento onde a boa música en directo marida con viños das catro denominacións de orixe da provincia. Arizona Baby, McCarballo Band e The Limboos serán as bandas convidadas este ano ao escenario do Centro de Intepretación das Burgas.
Xa podedes descargar o programa destas Festas 2017
Ourense, máis que nunca, un #PlanPerfecto
Batalla de Flores e outras actividades infantís
O día 1 terá lugar a tradicional Batalla de Flores, unha das citas máis antigas e queridas das festas ourensás, un desfile de cor e fantasía polas rúas do centro onde os protagonistas son os nenos e nenas. O programa de actividades infantís para estas datas complétase con maxia, teatro e circo na rúa, concertos didácticos e un espazo específico para bebés, unha carpa para xogo libre instalada nos Xardíns do Pai Feijóo.
Ourense Street Foud: a festa do sabor
O acento gastronómico destas festas chegará en forma de food trucks, que estarán instaladas durante estes 9 días cunha variada e sorprendente oferta culinaria para todos os gustos. O espazo contará con animación propipa, concertos, actividades infantís, un mercado efémero de arte e moda e un espazo reservado ás adegas ourensás e o viño de autor.
+ info en https://www.facebook.com/ourensestreetfoud/
O deporte, que non falte
Algunhas das citas deportivas para estes días son o Trofeo Internacional de Wushu, competicións de aeromodelismo e drones no circuíto de Santa Mariña, o Trofeo Corpus de escalada ou unha nova edición da carreira pedestre popular pola zona centro, dentro do circuíto Correndo por Ourense. O día 24 máis de 500 padeeiros participarán no XIX Descenso do Río Miño, proba puntuable na liga galega de piragüismo e que este ano coincide ademais co II descenso popular que cobre o tramo Varra de Miño-Velle.
Feira medieval e fogos artificiais
O programa de Festas só estaría incompleta sen dúas citas clásicas para estas datas: o mercado medieval, que encherá de aromas e cor as rúas do Centro Histórico a partir do día 29, e os fogos artificiais. Este espectáculo pirotécnico que desde hai anos anuncio o remate das festas, poderá verse na noite do sábado 1, a partir das 00.30h, cando as luces iluminen o ceo nocturno e os arcos da Ponte Vella.
Axenda de actividades musicais
SÁBADO 24
Actuación de Iván Ferreiro · 22.30 h na Praza Maior · Acceso gratuíto
DOMINGO 25
Coral de Ruada · 20.00h na Praza de San Martiño · Acceso gratuíto
Los Puntos · 22.30h na Praza Maior · Acceso gratuíto
LUNS 26
Cinta Adhesiva (e-poética) · 20.00h na Praza de San Martiño · Acceso gratuíto
La Edad de Oro del Pop Español · 22.30h na Praza Maior · Acceso gratuíto
MARTES 27
Tonichi e Pachecho · 20.00h na Praza de San Martiño · Acceso gratuíto
Los Diablos · 22.30h na Praza Maior · Acceso gratuíto
MÉRCORES 28
Xestreu · 20.00h na Praza de San Martiño · Acceso gratuíto
Puma Punku · 21.00h na Praza do Ferro · Acceso gratuíto
Thee Blind Crows + Burning · 22.30h na Praza Maior · Acceso gratuíto
XOVES 29
The Shivas · 20.00h na Praza de San Martiño · Acceso gratuíto
Tractor Troy · 21.00h na Praza do Ferro · Acceso gratuíto
Caxade + Orquestrada + Sonoro Maxín · 22.30h na Praza Maior · Acceso gratuíto
VENRES 30
Diego Pacheco «Mesteño» · 20.00h na Praza de San Martiño · Acceso gratuíto
Tractor Troy · 21.00h na Praza do Ferro · Acceso gratuíto
Esposa + León Benavente · 22.30h na Praza Maior · Acceso gratuíto
Sweet California · 23.00h (apertura portas 21.00h) Xardín do Posío · Entradas á venda en Ticketea
SÁBADO 1
De Vacas · 20.00h na Praza de San Martiño · Acceso gratuíto
The Wallas · 21.00h na Praza do Ferro · Acceso gratuíto
John Axiom Band + Carlos Jean · 22.30h na Praza Maior · Acceso gratuíto
DOMINGO 2
Pitusa Semifusa (concerto infantil) · 20.00h na Praza de San Martiño · Acceso gratuíto